O Concello de Salceda de Caselas e Chrysallis Galicia, Asociación de Familias de Menores Transexuais, organizan conxuntamente os actos de celebración do Día do Orgullo no municipio, que teran lugar mañá mércores.
Ás 12 horas terá lugar a primeira actividade da xornada: ‘Baloncesto pola diversidade’ unha iniciativa aberta á participación de todos e todas no Parque Raíña Aragonta.
Ás 18 horas, na Casa da Cultura ‘Castelao’, desenvolverase a mesa redonda ‘Vivir en diversidade’, que contará coa participación da socióloga Miriam Couceiro; as educadoras sociais Lucía González e Rita Carreira e Elisabeth Pérez en representación da Asociación Nós Mesmas.
Ás 20 horas, no Parque Raíña Aragonta, ou no Auditorio Municipal se o tempo non o permite, dará comezo a Festa do Orgullo, que se abrirá co pregón de Jeffrey Pop e que dará paso a unha exhibición da Escola Maisón, a exhibición da escola de danza da A.V. de Navia e o peche ─de auténtico luxo─ a cargo de Batemento, todo baixo a conducción de Edi FM.
Salceda segue a poñerse así á cabeza neste tipo de eventos reivindicativos, amosando o seu total compromiso e respeto pola diversidade, sexa cal sexa a condición de cada quen.
Eva Vaz, vicepresidenta de Chrysallis Galicia: “celebramos a diversidade e o dereito a ser de cada un. Por desgraza aínda queda moito camiño por percorrer cara a absoluta naturalización das diferenzas entre persoas, pero somos optimistas e conscientes de que se están a dar pasos axigantados”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Salceda sempre foi exemplo de espazo de respeto ás persoas, independentemente das súas ideas, as súas crenzas, a súa orixe, ou a súa orientación sexual… Poñemos o noso granciño de area na visibilización dunha realidade que non podemos deixar de lado; as administración públicas temos que dar exemplo, e no caso do Concello de Salceda poremos todo o que estea da nosa man para que así sexa”.