A Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas organiza o II Festival Solidario da Canción, que terá lugar na Praza do Concello o venres 15 de xullo, pechando a programación do Verán Cultural. Con esta iniciativa preténdese realizar unha gran recollida de alimentos non perecedeiros que serán destinados ao Programa de Alimentos do Concello de Salceda.
O festival basearase na interpretación de temas en directo polos aficionados ao mundo da canción, nun festival que se repite tras o éxito acadado o pasado ano. Para levalo a cabo, o Concello de Salceda conta coa colaboración do centro EmocionArte de Porriño, así como con XQuatro, tamén do Porriño.
Ao longo do ano son diversos os colectivos, institucións, empresas e persoas individuais as que fan aportacións de diversa índole para o Programa de Alimentos de Salceda, que se xestiona a través do voluntariado por medio dos Servizos Sociais Municipais.
O Programa atende actualmente a unhas 50 familias do Concello, que reciben alimentos en función do número de membros da unidade familiar, con especial atención aos máis cativos. O Programa súrtese fundamentalmente dos excedentes da Unión Europea distribuídos a través da Cruz Vermella, aínda que é básica tamén a aportación de alimentos feita de actos benéficos, festivais, certames… organizados tanto polo Concello como por diferentes asociacións e entidades do municipio.
Dende a organización animan ao público a asistir ao evento, que dará paso á celebración das Festas do Cristo os días 16, 17 e 18 de xullo. “Queremos que sexa un gran acontecemento, e que ademáis sirva para axudar ás familias máis desfavorecidas. Nestes momentos nos que hai tantas persoas atravesando situación delicadas, estamos seguros de que Salceda amosará unha vez máis o seu lado solidario, como xa ben demostrando noutras ocasións”, afirma Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Benestar Social.