A Xunta de Goberno Local celebrada no Concello de Salceda o pasado 11 de maio aprobou por unanimidade os pregos de cláusulas administrativas particulares e técnicas e o expediente para a contratación do Servizo de Axuda no Fogar. O prazo de presentación de ofertas abrirase en canto o anuncio saia publicado no Boletín Oficial da Provincia. O contrato, que se adxudicará por procedemento aberto, asinarase por un período inicial de dous anos, podendo ser prorrogable outros dous.
O Servizo de Axuda no Fogar préstalle aos veciños e veciñas de Salceda que o precisen un conxunto de atencións no seu propio domicilio. Vai dirixido a aquelas situacións en que os usuarios teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia das persoas no seu entorno habitual, evitando así a súa posible institucionalización. Así, poden solicitar o servizo as persoas maiores con déficit de autonomía, as persoas con discapacidade, os fogares con menores en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo, os drogodependentes con tratamentos de desintoxicación domiciliarios, familias en risco de exclusión social…
O Servizo de Axuda no Fogar atende neste momento a 42 persoas do Concello de Salceda de Caselas, 21 con unha situación de Dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia e as outras 21 sen esta Dependencia recoñecida pero que acceden ao servizo polo método da Libre Concurrencia”. Ao longo do pasado ano ofrecéronse máis de 14.200 horas de servizo, o que supuxo un custo de 197.754,59. Os custos do servizo son asumidos por Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Salceda e polos propios usuarios en función da situación económica de cada un. Para xestionar o programa, o Concello de Salceda conta actualmente con un Departamento de Servizos Sociais formado por duas Traballadoras Sociais, unha Educadora Familiar, unha Logopeda-Pedagoga e unha Auxiliar Administrativa.
Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo vital para moitas persoas, que de non contar con este programa veríanse imposibilitadas de poder permanecer nos seus domicilios. Estamos convencidos de que é nos Servizos Sociais e no resto de áreas sociais onde se debe facer o maior esforzo por parte das diferentes administracións, e dende o Concello de Salceda así o imos a seguir a facer. Agradezo a implicación do Departamento de Servizos Sociais, fundamental para sacar adiante os diferentes programas sociais que temos en marcha no Concello de Salceda”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Benestar dos nosos veciños e veciñas é o principal motor da nosa acción de goberno. Seguiremos a traballar por todos eles, priorizando en todo momento a defensa e o coidado das persoas máis desfavorecidas, con especial atención nas familias con menores a cargo. As diferentes administracións temos a obriga de garantir unha vida digna aos nosos veciños e veciñas”.
Gabinete de Prensa, 13 de maio de 2016