O Concello de Salceda de Caselas, a través das Concellarías de Benestar Social e Sanidade que dirixen Tere Pérez e Loli Castiñeira respectivamente, súmase á iniciativa denominada “Areola Solidaria”, impulsada dende AMEPO (Asociación de Micropigmentación Estética, Paramédica e Oncolóxica), que pretende concienciar á poboación e aos organismos sanitarios públicos da importancia da micropigmentación oncolóxica nas pacientes que sufriron cancro de mama.
A reconstrución da areola ten un custo duns 600 €. Dende AMEPO facilítase o traballo de xeito gratuíto e, no caso de Salceda, o Concello será o encargado de asumir o material preciso para o proceso. A técnica empregada é a denominada “hiperrealismo”, coa que se fai unha areola con pezón en tres dimensións. A encargada de levar a cabo as reconstrucións será Menchu Carpente, técnico especialista en micropigmentacion paramédica e oncolóxica con máster en micropigmentacion oncolóxica, que conta con consulta en Salceda. As beneficiarias do programa serán as mulleres con situacións económicas que non lles permitirían acceder ao servizo doutro xeito. As mulleres do municipio que desexen acollerse a esta iniciativa poderán informarse dos trámites a seguir nas Concellarías de Benestar Social e Sanidade.
Actualmente a sanidade pública non cubre a reconstrucción de areolas postmastectomía mediante a micropigmentación. Nesta reconstrución non se implanta a areola mamaria, de maneira que a paciente vese afectada psicoloxicamente. Mediante a micropigmentación oncolóxica auméntase a autoestima da muller ó devolverlle a imaxe do seu peito totalmente reconstruído e constatando así que o final da súa enfermidade chegou.
Sen dúbida, as pacientes que sufriron un cancro de mama saben que despois da reconstrución que practica o/a ciruxano aínda existe un paso posterior para superar definitivamente a enfermidade: fáltalles a areola ou a cor da mesma. No espello séguense vendo incompletas aínda que a reconstrución do peito mellorase sustancialmente a situación inicial. Dende AMEPO reivindican a labor de crear areolas idénticas ás das mamas sanas, reproducindo incluso a aparencia rugosa desa área que rodea a areola.
Loli Castiñeira, Concelleira de Sanidade: “Lamentablemente o Sistema Sanitario Público nun dá cobertura a esta reconstrución tan importante para a autoestima das mulleres. Iniciativas como as de AMEPO, neste caso a través da nosa veciña Menchu Carpente, van atopar sempre o apoio do Concello de Salceda de Caselas”.
Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social e Igualdade: “É fundamental que as mulleres que pasan por este difícil trance poidan pechar este capítulo tan doloroso, e sen dúbida esta iniciativa contribúe enormemente a que así sexa. Animamos a tódalas mulleres nesta situación a achegarse ata o Concello e informarse sobre este importante programa”.
Foto (de esquerda a dereita): Jose Luis González, Tere Pérez, Loli Castiñeira e Menchu Carpente