Bota a andar o Programa “Cultiva a mente”

A Concellaría de Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Teresa Pérez, ven de anunciar a posta en marcha dun novo programa dirixido ás persoas maiores do municipio. O taller “Cultiva a mente” nace como un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional. Os usuarios serán participantes activos, inmersos nun programa formativo que explorará as preocupacións e necesidades de cada individuo, proporcionando unha resposta que sexa extrapolable ó seu día a día e proporcione hábitos saudables no plano cognitivo e no afectivo.

Os asistentes ao programa realizarán actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realizaranse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles aos maiores a empregar axudas externas para orientarse.

O programa vai dirixido ás persoas maiores de 65 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención deste deterioro e no coñecemento do envellecemento activo. Levarase a cabo os martes a partires das 11:00 no centro Social da Devesa, e correrá a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia). As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello, lembrándose que as prazas son limitadas e que se asignarán por orde de inscrición. O programa está financiado pola Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2016.

“Cultiva a mente” ven a ampliar a oferta feita para a terceira idade, para a cal se está a poñer en marcha tamén a “Escola de Maiores” no CDL do Torrón en colaboración coa Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda.

Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Os nosos maiores cada vez están máis concienciados e demandan un envellecemento saudable acorde co seu estilo de vida, e o Concello de Salceda aporta así o seu granciño para que isto sexa posible. Seguiremos a poñer en marcha acción deste estilo que sempre teñen unha grande acollida por parte da terceira idade”.

 

Gabinete de Prensa, 7 de marzo de 2016