O Concello de Salceda recupera o Cruceiro da Igrexa de Soutelo

O Concello de Salceda ven de iniciar as obras de recuperación do Cruceiro da Igrexa de Soutelo. Actualmente o Cruceiro atópase nun estado moi preocupante, xa que varias intervencións anteriores deixaron restos de cementos e morteiros pouco axeitados para a conservación da peza. Ademáis acusa os efectos do clima, presentando acumulación de colonias biolóxicas de diferente tipo, así como importante suciedade superficial. Chama a atención que o Cruceiro carece actualmente de capitel, consecuencia dos diversos accidentes que foi sufrindo con anterioridade e das varias intervencións ás que foi sometido.

O proxecto de recuperación, que conta con un orzamento de 5.801,95 € vai ser asumido con fondos propios do Concello, continuando así coa recuperación de Patrimonio que se está a levar a cabo dende o equipo de goberno de Movemento Salceda e que ten suposto xa a posta en valor de diversos Cruceiros como os de Maceira ou Fonte da Pedra, numerosos muíños nos Ríos Caselas e Landres, Petos de ánimas…

Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo: “a posta en valor dos nosos espazos naturais e do noso patrimonio está a supor un valor engadido para a atracción de turismo ao noso Concello. Moitas son as persoas que nos levan feito saber a súa enorme satisfacción con estas actuacións que estamos a levar a cabo.

 

Gabinete de prensa, 10 de novembro de 2015