O Concello de Salceda de Caselas ven de comezar as obras de acondicionamento para abrir ó público unha nova área de aparcamento público na Rúa da Pedra que dará servizo á zona de Correos e o seu entorno.
O espazo, de 2.000 metros cadrados, supón a creación de 100 novas prazas de aparcamento gratuito en pleno casco urbano. O proxecto levouse a cabo grazas á colaboración dos propietarios dos terreos que, en diálogo constante coas Concellarías de Tráfico e Vías e Obras, ceden o uso dos mesmos para a creación de prazas de aparcamento públicas.
Con este son xa 11 os aparcamentos esparcidos por todo o núcleo urbán en zonas comerciais e administrativas. Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila.
Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “seguimos a ampliar as zonas de aparcadoiro nun casco urbano castigado durante anos pola construcción descontrolada e as rúas estreitas. Damos un paso máis no noso obxectivo de conseguir unha vila sen atrancos nin restriccións”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “a colaboración da veciñanza resulta fundamental para seguir a poñer estes espazos a disposición de salcedenses e visitantes. Seguimos a mellorar a calidade de vida en Salceda, sen esquecernos en ningún momento da potenciación do comercio que se consegue con accións deste tipo”.
FOTO: Miguel González visita as obras do novo aparcadoiro
Gabinete de Prensa do Concello de Salceda, 6 de novembro de 2015