As Concellarías de Ensino e Voluntariado do Concello de Salceda de Caselas, dirixidas por Tere Pérez e Carla Pérez respectivamente, van poñer en marcha a II edición do Programa de Apoio Lingüístico para nenos e nenas escolarizados no municipio.
Trátase dunhas sesión que se realizan duas tardes por semana nas que compoñentes do Voluntariado de Salceda de Caselas realizan actividades e xogos para lograr unha maior inmersión lingüística cos cativos procedentes doutras culturas. O pasado curso o programa adicouse a nenos e nenas procedentes de Marrocos, pero neste curso prantéxase tamén a opción de incluír a cativos chineses.
O programa ponse en marcha en coordinación cos equipos de orientación do CEP Altamira e do CRA Raíña Aragonta, que son os encargados de establecer os casos que participan no programa, e de trasladarlles a información ás familias para que coñezan de primeira man a iniciativa.
No curso pasado plantexouse esta posibilidade, que tivo moi boa acollida entre o voluntariado, polo que nesta ocasión volve repetirse. Neste curso serán catro as voluntarias que se encarguen da actividade, da que se van ver beneficiados uns nove cativos. Os equipos de orientación dos centros escolares valoraron moi positivamente os resultados obtidos na primeira edición do programa, polo que eles mesmos solicitaron a continuidade do mesmo, agradecendo de antemán a enorme labor das voluntarias, que se prestan a estas e outras iniciativas de xeito totalmente desinteresado.
Carla Pérez, Concelleira de Voluntariado: “A Bolsa de Voluntariado de Salceda segue a dar exemplo da sua boa predisposición e traballo, sendo un grupo fundamental para o funcionamento de eventos e actividades que se veñen desenvolvendo dendo o Concello e dende o tecido asociativo de Salceda”
Tere Pérez, Concelleira de Ensino e Benestar Social: “é un enorme orgullo para nós poderlle ofrecer este programa ás familias que elixen Salceda como lugar de residencia. Agradecemos o esforzó e o interese por parte dos centros educativos neste tipo de iniciativas que están a resultar de grande axuda para estes pequenos”.
Gabinete de Prensa, 28 de outubro de 2015