“Overture”, primeiro disco dos salcedenses Batemento

Os compoñentes do grupo Batemento, acompañados pola Concelleira de Cultura Teresa Pérez, veñen de presentar o seu primeiro traballo discográfico, “Overture”, que porán en escea este sábado 28 ás 22:00 no Auditorio Municipal.

“Overture”, gravado nos estudios de Élite Musical (Vigo) componse de 12 temas nos que se fusiona a música electrónica coa gaita galega, e que recollen versións que van dende o tradicional “Miudiño”, a outras propias ou de autor, todas elas versionadas polo grupo. “Angrois”, o tema que Batemento adicara ás víctimas do accidente ferroviario tamén aparece no disco, que vai adicado na súa totalidade ás víctimas do mesmo.

Batemento é unha agrupación formada por tres músicos salcedenses: Aitor Domínguez, Cristian Vázquez e Carlos Mariño que deseñan un novo concepto musical en Galicia, fusionando diversos estilos musicais actuais como o Chill-Out, Dance, Pop e Trance con instrumentos tradicionais como a Gaita Galega, Whistle, Flauta Barroca ou a Uillean Pipe Digital, mesturando todo coa máis avanzada tecnoloxía de vangarda. Os seus temas transmiten todo tipo de sensacións, xa non só musicais, senon emocionais. É dicir, cada unha das cancións está composta basándose en vivencias personais de cada un dos compoñentes coa idea de transmitírlla ao oínte, ben sexa en directo, en formato dixital ou físico-CD. A idea principal deste proxecto é dirixir cada un dos temas ao público, basándose nos seus gustos e conseguir proxectalos a unha atmosfera sonora capaz de transportar ao oínte a un Universo Paralelo de emocións e sentimentos.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Batemento está xa a levar o nome de Salceda por moitos lugares do País. Un novo grupo mostra da variedade e calidade musical existente no noso municipio, do cal estamos seguros que imos escoitar falar abondo. O seu maior tesouro é a humildade e cercanía dos seus componentes, polo que lles desexamos moita sorte nesta andaina que comezan, e da que darán boa mostra o sábado no Auditorio Municipal”.

 

Gabinete de Prensa, 24 de marzo de 2015