Salceda adica a Senda do Río Landres a Francisco Estévez, pai do actor Martin Sheen

O Concello de Salceda inaugura este sábado 14 de marzo a Senda Fluvial e Parque Etnográfico do Río Landres, que levará por nome “Francisco Estévez Martínez”, pai do actor galego-americano Martin Sheen. Francisco naceu na parroquia salcedense de Parderrubias e emigrou primeiro a Cuba (1916) e despois a Dayton (Ohio), onde casou coa irlandesa Mary Ann Phelan, coa cal tivo unha filla e nove fillos, entre eles o coñecido Martin Sheen. Carmen Estévez, irmá do coñecido actor, estará este sábado no acto de inauguración da senda.

O Concello pretende así homenaxear á familia Estévez, e por extensión ás familias de emigrantes que representan o amor a Salceda e a Galiza que Francisco soubo transmitirlles aos seus fillos, ademáis de inculcar un valor fundamental: “os fillos e fillas dos pobres só se salvan coa educación”.

A Senda do Río Landres “Francisco Estévez Martínez”, de 839 m de lonxitude, permite a veciños e visitantes descubrir un paraíso con marxes poboadas de vexetación típica de ribeira, que agocha o conxunto etnográfico máis completo do Concello de Salceda. Así, no transcurso da senda atópanse cinco muíños (Muíño do Seixo, Muíño do Medio, Muíño do Ghurito, Muíño do Buraco e Muíño das Laxes do Torrón) e un lavadoiro (Lavadoiro do Seixo).

O proxecto enmárcase dentro do programa de actuacións previsto polo Concello de Salceda de Caselas encamiñadas á recuperación, creación e posta en valor de espazos destinados a uso público para o recreo e espallamento das veciñas e veciños do municipio, así como das e dos visitantes. Neste caso recuperouse unha zona en estado de abandono para usos recreativos, aproveitando o entorno na marxe do Río Landres, entre as zonas do Seixo e As Laxes do Torrón. O Concello de Salceda continúa así na constante recuperación dos seus ríos, así como do seu entorno, coa construcción duns paseos que son xa seña de identidade do municipio.

O conxunto conta con un orzamento de 137.601,62 €, dos cales 68.318,78 € son asumidos polos Fondos Feader a través do GDR,  pertencente ao AGADER. Os 69.282,84 € restantes son aportados polo Concello de Salceda.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Entre todos e todas honramos o noso pasado, traballamos no noso presente e construímos o noso futuro. Seguimos a recuperar espazos abandonados poñéndoos en valor e creando novas áreas de esparcemento para o disfrute de todos e todas. Nesta ocasión honramos ademáis a emigración, personalizándoa na figura da familia Estévez, polo seu amor a Salceda, que se encargaron de levar polo mundo adiante”.

 

 

Gabinete de Prensa, 10 de marzo de 2015