Esta mañá ven de celebrarse a presentación do Entroido no Concello de Salceda de Caselas, coa presenza do Alcalde, Marcos Besada, a Concelleira de Cultura, Tere Pérez, e representantes dos barrios de Castro Barreiro e A Feira, así como de algunas das agrupacións que van desfilar o domingo. Unhas 1200 persoas desfilarán polas rúas de Salceda en cada un dos desfiles do venres 13 e domingo 15. O venres día 13 será o turno dos centros escolares (públicos e privados) do municipio. Así, cóntase coa participación das Escolas Infantiles Manus, Xoaniña e A Galiña Azul, o CRA Raíña Aragonta, o CEP Altamira e o IES Pedras Rubias, que como cada ano amosarán o seu enorme traballo e creatividade en nenos e nenas de idades entre os 0 e os 18 anos. Esta estase a converter nunha cita multitudinaria en Salceda, que ano tras ano ve as súas rúas ateigadas de xente para presenciar este variado desfile. A cita será o venres ás 11:30, e pasará polas rúas Rosalía de Castro, Ador, Joaquín Fernandez Sestelo, Praza do Concello, Rúa Pontevedra, Rúa Dr. Zunzunegui, Av. Victoriano Pérez Vidal, Rúa Rafael Tilve Adrio, Rúa Coruña e Parque Raíña Aragonta.
O domingo, día grande a nivel municipal, terá lugar o XVII Desfile de Carrozas e Comparsas, de novo con uns 1200 participantes repartidos en 13 agrupacións chegadas de Salceda, O Porriño, Tui e Tomiño. As comparsas recibirán pola súa participación axudas que van dende os 100 ata os 700 €, en función do número de compoñentes de cada agrupación. Ademáis de participar no desfile, as agrupacións subiranse tamén ao escenario para recitar as súas coplas, que seguro tratarán dos temas de máis rabiosa actualidade. A Concellaría de Cultura afronta esta cita como unha das máis importantes do ano, xa que nos últimos anos ten congregado a milleiros de persoas presenciando o espectacular desfile. As diferentes agrupacións traballan arreo para ter todo listo para a cita, que sen dúbida volverá marcar páxina na historia do entroido da comarca.
A programación municipal complétase con actividades para os máis cativos durante o sábado, co concerto das Maimiñas ás 12:00 e a festa infantil ás 17:00, ambos no Parque Raíña Aragonta. O domingo ás 12:00 será o turno da Banda Cultural de Salceda, que ofrecerá o seu tradicional concerto de Entroido na Praza do Concello. E pola noite, unha vez rematado o desfile de carrozas e comparsas e o concurso de coplas, chegará o turno da verbena, que nesta ocasión contará coas orquestras Saudade 73 e Ledicia Espectáculo.
O luns e o martes, o Concello cede o turno para o Entroido máis tradicional do municipio, o que ven enfrontando dende hai máis dun século aos barrios de A Feira e Castro Barreiro. Estes dous barrios traballan arreo dende hai meses, no máis absoluto segredo, para que non transcenda ninguna información ao barrio rival. Para iso, como confirmaron hoxe as representantes dos dous barrios, funciona xa a pleno rendemento o “servizo de espionaxe”, que trata de conseguir información de temáticas, coreografías, músicas…
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Estamos ante a nosa festa máis antiga e queremos seguir a ser referencia en todo o País. Queremos agradecer a enorme participación que teñen os nosos actos e o bo comportamento e competitividade que ano tras ano está a caracterizar a nosa programación”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Salceda prepárase para acoller unha vez máis a milleiros de visitantes, que aproveitarán ademáis para disfrutar da nosa oferta turística e de ocio. Transmito unha vez a nosa noraboa aos veciños e veciñas de A Feira e Castro Barreiro por seguir a manter viva unha tradición centenaria, e por facelo cada vez con máis forza se cabe. Así mesmo, felicitamos ás agrupacións participantes no desfile do domingo, que sen dúbida están a acadar un nivel superior cada ano que pasa.