O Concello de Salceda vai acoller o vindeiro luns a partires das 18:00 a tradicional Cabalgata de Reis que traerá a Melchor, Gaspar e Baltasar ata o municipio. A cabalgata partirá da Praza da Devesa, pasando polas rúas Vigo, Avenida de Galicia, Victoriano Pérez Vidal e Rúa Rollo, con remate na Praza do Concello onde as súas maxestades recibirán a tódolos nenos e nenas que queiran achegarse a saudalos. Sete asociación do Concello serán as encargadas da elaboración das diferentes carrozas, que como cada ano repartirán quilos de caramelos para os máis pequenos, todos eles aptos para celíacos.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, manifestou a súa satisfacción polo bo resultado que se ven obtendo nos últimos anos coa Cabalgata de Reis. “Resulta emocionante ver a tantos cativos e cativas cheos de ilusión por ver tan de cerca a Melchor, Gaspar e Baltasar”. Así mesmo, a Concelleira destacou a importante labor que levan a cabo as asociacións participantes no evento, coa elaboración de maxestuosas carrozas que encheron de ledicia aos máis pequenos da casa.
A Concellaría de Tráfico e a Policía de Salceda de Caselas informan a tódolos veciños que o próximo Lúns 05 de xaneiro con motivo da visita dos Reis Magos ó concello de Salceda, estará cortada a circulación de vehículos polo circuíto da marcha no casco urbán da vila dende as 18:00 ás 19:30 e que corresponde as seguintes rúas: Praza da Devesa, Vigo, Avda. de Galicia, V.P. Vidal, Rollo e Praza do Concello. O resto de rúas anexas ó percorrido tamén verán afectado o tráfico puntualmente durante a celebración do evento. Pídese ós veciños e usuarios dos garaxes das vivendas do núcleo urbán que eviten facer uso dos mesmos durante o horario da cabalgata.
Estableceuse con tal motivo un plan de coordinación entre os distintos medios da Policía Local, Protección Civil e voluntarios para velar pola seguridade do evento e intentar axilizar dentro do posible a fluidez do tráfico para ocasionar as menores molestias posibles.
Salceda, 2 de xaneiro de 2015.
Gabinete de prensa do Concello de Salceda de Caselas.