Éxito na xornada de divulgación do cooperativismo no CDL O Torrón

O pasado 27 de outubro celebrouse no CDL de O Torrón en Salceda de Caselas unha xornada de divulgación do Cooperativismo, que levou como título “E por que non montamos unha cooperativa? Aprender outra forma de emprender”

 

Esta xornada foi organizada pola Concellería de Emprego e Formación do Concello de Salceda e promovida pola Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo en colaboración coa Rede Ensumo, Unión Europea e Xunta de Galicia.

 

Esta iniciativa tivo moi boa acollida entre os veciños e veciñas que completaron o aforo da sala de actos do Centro de Desenvolvemento Local.

 

Contouse coa presenza da xerente da Mancomunidade Intermunicipal de Vigo Magoya Méndez, Ramón Carmelo da Federación de Cooperativas Sinerxia, unha técnico da Rede Ensumo e Susana, representante de Teixugo Soc. Cooperativa Galega.

 

Marina Cabaleiro, Tenente Alcalde e responsable da área de Emprego e Formación “neste intre as cooperativas poden constituír unha oportunidade para a xeración de emprego, polo que é importante que dende as administracións fagamos este tipo de actividades, sempre hai algún veciño ou veciña que ten un proxecto en mente, e esta pode ser a fórmula para levalo a cabo”.

 

Por outra a banda, a concellería de Emprego e Formación segue a traballar na organización dos cursos de formación do Plan de Formación Municipal, xornadas divulgativas de temas de interés profesional e laboral no contexto actual e proxectos innovadores que porán en marcha distintas políticas de fomento do emprego.

 

Foto: Magoya Méndez (xerente Mancomunidade) e Marina Cabaleiro (Tenente Alcalde).

 

Salceda de Caselas, 29 de outubro de 2014.