Os membros da Asociación Ecoloxista Treze Catorze, en colaboración co Concello de Salceda veñen de retirar trescentos cincuenta quilos de lixo dos Ríos Caselas e Landres o pasado domingo 28 de setembro. Os 26 voluntarios participantes, que se dividiron en dous grupos para limpar tramos dos dous ríos, sorprendéronse de atopar diversos enseres como un colchón ou un microondas, ademáis de plásticos e botellas.
Este é o sexto ano consecutivo en que a Asociación Treze Catorze realiza esta limpeza. Conta en todo momento coa colaboración do Concello de Salceda, que proporciona o material preciso: luvas, sacos de lixo… A limpeza englóbase dentro do Proxecto Ríos organizado pola asociación ecoloxista ADEGA, levándose a cabo a limpeza simultánea de ríos en toda Galiza coa involucración de diversos colectivos.
Tanto a Asociación Ecoloxista Treze Catorze como o Concello de Salceda levan realizado un intenso traballo na defensa dos ríos do municipio. Así dende o Concello lévase realizado a posta en valor dos memos coa creación de diversas sendas polas riveiras do Caselas e o Landres que se teñen convertido xa en sinal de identidade do municipio.
Cándido Lorenzo, Concelleiro de Medioambiente: “agradecemos enormemente a labor que realizan os mozos e mozas da Treze Catorze. Iniciativas deste tipo contarán sempre co maior apoio dende o Concello. De nós depende a conservación do medio e o que lle deixemos en herdanza aos nosos fillos e fillas”.