Os 13 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos que asisten ao colexio en Soutelo están de noraboa. Un novo espazo de 6 x 10 m. está xa á súa disposición para a realización das actividades complementarias do curso: educación física, psicomotrocidade… A nova aula comunica por unha porta interior coa aula xa existente na que os escolares recibían a totalidade das clases ata o de agora. Precisamente os nenos e nenas foron hoxe os encargados de inaugurar formalmente o espazo, ofrecendo unha pequena actuación aos pais e nais, así como aos representantes do Equipo de Goberno do Concello.
Nos inicios do edificio, que data do 1958, as dúas aulas servían para acoller por separado a nenas e nenos, pero unha delas levaba xa anos inutilizada polo seu mal estado. A Concellaría de Ensino do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Teresa Pérez, ven de recuperar o espazo para a súa utilización por parte dos nenos e nenas do CRA Raíña Aragonta ao que pertence a aula. Para a obra o Concello destinou un total de 19.070,81€ de fondos propios. Esta recuperación era unha demanda histórica dos pais e nais dos nenos e nenas que acoden a clase en Soutelo, que pedían un novo espazo tanto para as clases complementarias como para que os cativos teñan un espazo amplo de xogos nos días de mal tempo.
Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “día a día estamos a traballar pola educación pública no noso Concello, executando obras que melloren a calidade do ensino e faciliten o día a día de alumnado, profesorado e pais/nais. Dende o ano 2.007 en que chegamos ao Concello lévanse adecentado todas e cada unha das aulas das parroquias, así como os numerosos investimentos que se levan feito tanto no CRA Raíña Aragonta como no CEP Altamira”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “o ensino público e de calidade é unha das nosas prioridades. Son tempos difíciles e de grandes recurtes en educación, e dende o Concello estamos a facer unha forte aposta por paliar eses recurtes dentro das nosas posibilidades”.
Gabinete de prensa, 23 de setembro de 2014