En poucos lugares de Galiza podemos atopar un número tan elevado de pazos como en Salceda. Erguidos como morada das familias fidalgas nos séculos da ldade Moderna, combinan a súa condición residencial e de lecer coa de centros de produción agrícola. En Santa María de Salceda atópanse os dous fermosos pazos de Pegullal e Avalle. O Pazo de Pegullal, que foi construído no século XVIII, con estrutura en forma de “U”, conta cunha dobre escalinata de acceso que acaba nunha solaina de balaustradas. Hai que destacar a súa finca, que comprende unha capela dobremente brasonada, un singular hórreo de case catorce metros de lonxitude, cun portalón monumental co escudo de armas da casa. O Pazo de Avalle é unha construción barroca de 1787, con belo portal de entrada e unha escalinata que acaba nunha suntuosa solaina. O Edificio ten forma de U e dúas plantas. Á fachada principal ascéndese por unha escada exterior con balaústre (que presenta unha serie de pináculos cun anxo sostendo o sol que da orixe ao escudo de armas do Concello) que continúa cunha solaina de cinco arcos de medio punto. Nunha das fachadas laterais presenta solaina de arcos de medio punto e balaustrada. O portón da entrada presenta un muro e vano sobre o que sobresae un alto onde aparece debuxado un escudo con forma de corazón coas correspondentes armas de: Avalle, Lira, Sarmiento, Falcón. En San Martiño da Picoña atópase un dos pazos máis fermosos de Galiza, coñecido co nome da “Casa Grande” e constitúe a mellor mostra do esplendor dos señores da Picoña, de gran relevancia na comarca. Foi fundado no ano 1543 por D. Morguete Rodríguez e a súa xurisdición foi outorgada por Felipe II. Lamentablemente, o pazo foi convertido en vivendas unifamiliares para os que tiñan posesión destas terras, polo que quedan poucos elementos do pazo inicial catalogado como un nos que se presentaba maior riqueza dos arredores. O pazo está constituído por diversas edificacións con planta en forma de L. Ten a solaina sobre o soportal plo que percorre a fachada principal. Presenta unha zona balconada de dobre arcada composta por sete arcos de medio punto na solaina e cinco na base. Nas fiestras presenta lugares de apoio que servían para sentarse. Nas pilastras da parte superior presenta sete pías que parecen ser o simbolismo dos sete curatos que representaban ao señorío do Troncoso de Lira. Nun dos tellados conserva o Rollo onde se expuñan os delitos públicos cometidos pola persoa determinada como culpable. Presenta unha capela separada da edificación principal de pequenas proporcións, hoxe convertida en vivenda e dedicada a Santo Antonio. O portón é o punto de acceso ao pazo e presenta un arco de medio punto co escudo no medio escoltado por dous leóns, coas armas dos Troncoso de Lira e Sotomayor e as dos Quiroga-Losada. O máis característico é o ferro incrustado que dá o “dereito de amparo ou asilo”, esta característica está presente en moi poucos pazos, coa posibilidade de que os delincuentes se agarren a el para quedaren libres. Na parroquia de Entenza, no lugar da Corisca, está a casa que pertenceu ao xeneral Rubio. Actualmente, todos están en mans privadas, polo que a súa visita non é posible.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos