II Ruta Pincho Folk en Salceda

Tralo enorme éxito acadado o ano pasado, as Concelleiras de Comercio e Cultura do Concello de Salceda, Loli Castiñeira e Tere Pérez, acompañadas dunha representación dos hosteleiros da vila, veñen de presentar a II Ruta Pincho Folk, que se vai celebrar durante os venres e sábados do 12 de setembro ao 4 de outubro (ambos incluídos). Un total de 22 establecementos van participar na ruta, repartidos en duas rutas: venres e sábados. Nos locais serviranse pinchos ao prezo de 1 € en horario de 20:00 a 23:59.

A ruta de pinchos conta co engadido do folk, quedando aberta a participación a todos aqueles gaiteiros, pandeireteiras ou músicos en xeral que desexen asistir e pasar unas boas noites de foliada acompañados coa mellor gastronomía.

Os locais lucen xa un distintivo nas súas fachadas, que os sinala como establecementos participantes no Pincho Folk, diferenciando así mesmo entre a ruta dos venres e a ruta dos sábados.

Nos establecementos repartiranse unhas tarxetas que irán selando os hosteleiros para que os clientes participen no sorteo final, no que se van repartir 200 € en vales de compra para canxear nos locais participantes (2 vales de 50 € e 5 de 20 €).

Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo, presentou o evento como una importante iniciativa para dinamizar o pobo e sobre todo os establecementos hosteleiros. “Pensamos en seguir organizando este tipo de eventos que apoien ao comercio local, neste caso á hostelería. O Concello plantexou a iniciativa e estamos moi satisfeitos coa acollida que tivo por parte dos diferentes establecementos e coa colaboración obtida dende o primeiro momento”.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura, aproveitou para convidar aos diferentes grupos de música tradicional a participar no evento. “As diferentes iniciativas que levamos a cabo para as agrupacións de gaiteiros e pandeireteiras teñen sempre grande acollida, como no caso da Agrupación Gaiteira de Salceda ou do Serán dos Callos. Estamos seguras de que neste caso imos seguir na mesma liña, polo que aproveitamos para convidar a todos aqueles afeccionados á músia tradicional para que veñen botar unhas pezas e desfrutar dos exquisitos pinchos que preparan os hosteleiros”.

 

Gabinete de prensa do Concello de Salceda de Caselas

8 de setembro de 2014