A concellería de deportes presenta a terceira edicción da actividade “En busca do Callo perdido”, unha iniciativa que se celebrará por terceiro ano consecutivo e que xurdiu para engadir, a tradicional Festa dos Callos, unha actividade deportiva na que tivera cabida xente de todas as idades, grupos de amigos ou familias.
Como nas anteriores edicións a concellería terá a colaboración das escolas deportivas municipais, voluntarios e establecementos da zona.
Nesta ocasión trátase dunha xincana fotográfica que consta de un mínimo de 13 postas situadas ó longo da vila. En cada posta haberá que superar unha proba, cando a proba estea superada, os voluntarios responsables estamparán a súa firma na folla de ruta que deberán levar os grupos. Este ano introdúcese unha novidade importante, as pistas que levarán os grupos á seguinte posta serán fotografías polo que os participantes deberán amosar o seu coñecemento profundo da vila e fixarse moi ben nos detalles das imaxes.
A información e ficha de inscrición xa está na páxina web do concello www.salcedadecaselas.es e as inscricións xa se poden realizar a través do correo electrónico tenenciadealcaldia@salcedadecaselas.es ou físicamente na Concellería de Deportes e Pavillón Municipal.
O prazo de inscrición rematará o xoves 4 de setembro e os gañadores poderán desfrutar de distintos agasallos, ceas e outros vales donados polos establecementos do municipio.
Marina Cabaleiro, responsable desta área suliña que dende a concellería de deportes “estamos seguros que os participantes non nos defraudarán e faranos pasar, como nas ocasións anteriores, unha tarde moi divertida, dándolle ese toque de humor a un xogo tan tradicional como a busca do tesouro”.
Ficha de inscrición En Busca do Callo Perdido III REGULAMENTO En busca do callo perdido III