Salceda, o municipio coa taxa de natalidade máis alta de toda Galiza

O Instituto Nacional de Estatística ven de facer públicos os datos de natalidade do último ano, que sitúan a Salceda de Caselas á cabeceira de toda Galiza. Así, a taxa bruta de natalidade da Comunidade Autónoma sitúase en 7,2 nacementos por cada 1000 habitantes, mentres que no caso de Salceda alcánzanse os 12,8 nacementos por cada milleiro de habitantes.

Salceda de Caselas conta actualmente con 8.866 habitantes, dos cales o 20% son menores de idade. Cada ano nacen en Salceda en torno aos 130 nenos, mantendo os datos nos últimos anos, sen que se note o descenso que si se nota noutros municipios, e incluso incrementando o número de nacementos nos últimos anos.

Salceda é actualmente un municipio que conta cos servizos básicos de atención á infancia: centros de ensino públicos, pediatría, servizo de logopedia…, así como unha ampla oferta de actividades complementarias: escolas deportivas, escola de música, teatro, baile…, o que fai que ademáis dos cativos nacidos en Salceda sexan tamén moitas as parellas novas con fillos pequenos que se trasladan a vivir ao municipio.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Resulta enormemente satisfactorio este primeiro posto nos datos da taxa de natalidade. Salceda é un pobo tranquilo que nos últimos anos ve aumentada a súa poboación constantemente. É unha ledicia achegarse á Praza do Concello calquera tarde da semana e atopala ateigada de cativos de tódalas idades. Seguiremos a traballar para eles, para ofrecerlle os espazos e servizos que poidan precisar”.

 

Gabinete de prensa, 15 de xullo de 2014