Rubindo

Situación: parroquia de San Estevo de Budiño. Esta área recreativa está integrada no denominado Parque Etnográfico Fonte-Muíños do Regueiro, no barrio de Rubindo. Foi recentemente restaurado (ano 2013), dando como resultado un conxunto patrimonial integrado por catro muíños comunicados a través dunha senda, que integra ademais a poza e a fonte.

A área é atravesada polo río Meixira, sen lugar a dúbida o gran protagonista nun tempo pasado no que se precisaba de cauces fluviais e súa enerxía cinética para facer funcionar os muíños, infraestrutura imprescindíbel na base da alimentación das familias e gando do rural durante séculos.

Na actualidade o cauce do río conta cunha canalización en pedra ao seu paso pola área recreativa debendo salvar un pequeno salto de auga que en tempada de enchenta toma certa beleza en forma de fervenza.

Infraestruturas: Unha mesa e varios bancos, unha fonte, unha pasarela construída en pedra que cruza o regato, un cercado de madeira delimitando a área e un farol que funciona coa enerxía solar acumula durante o día.

Na senda que percorre os muíños atópase un panel informativo sobre o Parque Etnográfico e a importancia destas construcións na súa época.

Vexetación: A área recreativa de Rubindo conta cunha plantación de árbores da especie Quercus palustris, e exemplares dispersos de Carballo (Quercus robur).

Percorrendo a senda que une os muíños do Parque podemos observar que predomina maioritariamente o Carballo, aparecendo tamén especies tales como o Choupo (Populus sp), Loureiro (Laurus nobilis), Salgueiros (Salix atrocinerea), Abeleira (Corylus avellana) ou especies invasoras como a Cana de bambú (Phyllostachys viridiglaucescens).

Fauna: Na zona podemos atoparnos con especies comúns como o Ferreiriño (Parus major), o merlo (Turdus merula), Corvo (Corvux corax), a Pega (Pica pica),etc.