O Concello de Salceda, a través das Concellarías de Tráfico e Ensino, ven de poñer en marcha a segunda edición das Xornadas de Educación Vial, en colaboración con Autoescola Caselas, que se iniciou o pasado luns 19 de maio. Esta iniciativa xurdiu o ano pasado, e tralo éxito acadado volven repetirse neste ano 2014. As xornadas están dirixidas aos escolares do municipio de Educación Infantil e Primaria, que reciben formación teórica e práctica en materias de educación vial. A parte teórica corre a cargo do persoal da Autoescola Caselas, que lle ofrece ao alumnado unha sesión sobre os principais conceptos de seguridade infantil. Unha vez rematada a charla, os alumnos e as alumnas acceden a un circuito de karts no que poñen en práctica os conceptos adquiridos na formación teórica. O circuito está dirixido polos membros da Policía Local de Salceda, que lles dan aos cativos as instrucción precisas para unha correcta circulación pola vía pública, tanto dende o punto de vista dos conductores como dos peóns.
Uns mil escolares pasarán polas xornadas, que se extenderán ata o venres 30 de maio. Farano dende o CEP Altamira, o CRA Raíña Aragonta, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Escola Infantil Xoaniña e o centro de Estimulación Temperá Manus. O obxectivo das xornadas é a concienciación dos máis pequenos, como unha importante vía para chegar aos pais e nais, en todo o relacionado coas boas prácticas nas vías públicas.
Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico: “afrontamos esta proposta como unha iniciativa fundamental para a concienciación de pequenos e maiores. Moitas veces a frase que un neno lle diga ao seu pai ou á súa nai ten máis efecto que calquera campaña que se presente dirixida aos adultos. A prevención resulta fundamental para a disminución de accidentes nas estradas, e esta parécenos unha forma axeitada de facelo”.
Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “agradecemos a boa disposición dos equipos directivos dos diferentes centros escolares de Salceda, que acollen esta e outras iniciativas que lles prantexamos dende o Concello sempre coa mellor actitude de colaboración. Formar aos máis pequenos é garantía de que chegamos aos maiores”.
Foto: Circuíto montado na Praza do Concello para que os nenos e nenas practiquen os conceptos adquiridos.
Gabinete de prensa, 20 de maio de 2014