A Concellaría de Vías e Obras de Salceda de Caselas está de estrea nestes días. Un novo vehículo ven de unirse á flota municipal. Neste caso trátase dun pequeño camión de utilidade versátil que facilitará e mellorará os traballos levados a cabo polos empregados municipais. Trátase dunha adquisición moi demandada dende o equipo de Vías e Obras que dirixe Fortunato Álvarez, 2º Tenente de Alcalde do Concello, e que vai permitir unha maior eficiencia en moitas das tarefas desempregadas, así como un maior abano de servizos prestados.
O vehículo, con un custe de 9.000 €, adquírese con cargo ao Orzamento Municipal deste ano 2.014. A compra realizouse nun establecemento do municipio, contribuíndo tamén deste xeito ao impulso do comercio local.
Fortunato Álvarez, Concelleiro de Vías e Obras, amosou a súa satisfacción pola adquisición feita “que vai contribuñir notablemente a que poidamos mellorar os servizos que actualmente prestamos aos vecinos e veciñas de Salceda”.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda valora a adquisición como “un investimento que nos vai permitir o aforro dos custos de aluguer e mantemento de vehículos que se facía ata o de agora, así como unha importante mellora no tempo de actuación do persoal que conforma o equipo de vías e obras.
Foto: Cándido Lorenzo, Concelleiro de Medio Rural e Jose Luis González, Concelleiro de Facenda, con operarios do Concello realizando traballos co novo vehículo.