O Concello de Salceda de Caselas leva meses traballando na posta en marcha do Arquivo Municipal da Imaxe (AMIS). Este proxecto pretende reunir nun mesmo arquivo fotografías, vídeos e documentos antigos con valor etnográfico, documental e histórico, que na actualidade se presentan diseminados en coleccións persoais polos fogares salcedenses ou de fora do municipio. O proxecto estase a levar a cabo grazas á colaboración da veciñanza, que aporta as súas imaxes de xeito desisteresado. Así, o arquivo conta xa con imaxes de festas, actos sociais, emigración, paisaxe…, rondando xa a cifra dun milleiro de documentos. O proxecto ven a complementar as iniciativas que ten en marcha agora mesmo o Concello nos campos da historia da emigración a América, o Catálogo da historia dos grupos de música tradicional do municipio, ou a vida do Dr. Zunzunegui. O obxectivo é catalogar e dixitalizar as fotografías, documentos ou vídeos da historia dos veciños individuais de Salceda para que pasen a formar parte da historia de todos os salcedenses e para que este patrimonio cultural non se perda ou quede no olvido.
As persoas interesadas en participar no proxecto coa aportación de imaxes ou documentos poden facelo dirixíndose á oficina do AMIS que se habilitou no Concello, ou na mesma Concellaría de Cultura. O proceso de dixitalización e devolución dos orixinais farase sempre o máis rápido posible, mantendo sempre todas as garantías mentres os orixinais estén no depósito. No momento de entrega, as persoas que ceden as fotografías firmarán un escrito no que se declara que os dereitos de propiedade desas imaxes son exclusivos dos propietarios e que estes autorizan o uso dunha copia dixital para o Arquivo Municipal da Imaxe.
As imaxes xeradas formarán parte dunha base de datos, desenvolvida sen ánimo de lucro, con intenciñon de constituír un fondo documental de interese para historiadores, investigadores, escritores e en definitiva para toda persoa interesada en ver como eran ou vivían os salcedenses.
Os dereitos de reproducción tamén serán extensibles a tódalas iniciativas que o AMIS faga para divulgar a historia visual dos salcedenses a través de exposicións e publicacións.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Traballamos na recuperación da memoria dos nosos antepasados para transmitirlla aos nosos descendentes. Estamos ante un traballo fundamental que está a ter unha gran acollida por parte da veciñanza de salceda, e polo cal lle estamos enormemente agradecidos”.
Gabinete de prensa, 23 de abril de 2.014