O Pleno do Concello de Salceda ven de aprobar onte martes os tres proxectos que o Concello presenta para o PUSIM 2014 que ven de convocar a Deputación de Pontevedra.
A obra de maior peso vai ser a Humanización da Rúa Pontevedra, dende o Auditorio Municipal ata a recén remodelada Praza de Abastos. Estamos a falar dunha rúa con unha grande concentración de establecementos comerciais, que serán sen dúbida os maiores beneficiados polo proxecto. Coa obra vanse solucionar ademáis moitos dos problemas de accesibilidade que ten a zona, polo que se espera que sexa unha nova área de esparcemento para veciños/as e visitantes. O obxectivo fundamental será o de facilitar o tránsito aos peóns, mellorando tamén as condicións de rodadura para os vehículos, levando a cabo a ampliación da zona destinada a peóns con losetas de granito. Completarase o proxecto coa recollida das augas pluviais e a sinalización da vía tanto vertical como horizontalmente. A obra conta con un orzamento de 103.460,01 €, e con ela mellórase a mobilidade e conexión entre a Praza do Concello e a nova praza situada no frente da Praza de Abastos, ademáis de conectar a través da remodelada Fonte das Carballas coa Senda Fluvial do Río Caselas.
Dentro do Plan vaise executar tamén un tramo de saneamento no barrio de Barreiro por importe de 20.101,16 €. Executaranse 86 metros de colector, ademáis de 6 pozos e a correspondente conexión á rede de saneamento existente. Con esta obra vaise solucionar un vello problema de verquidos na zona, ofrecéndolle o servizo de saneamento a 5 novas vivendas.
A última das obras presentadas consiste no acondicionamento do espazo sobrante na zona de construcción das novas pistas polideportivas de Altamira. O obxectivo é o de seguir completando a zona deportiva con elementos de ocio e esparcemento, e acondicionar os espazos sobrantes para uso e desfrute de todos e todas. Así, vaise proceder á instalación de mesas e bancos na zona que vai enlazar a área deportiva coa nova Senda Fluvial da Lagoela, que que vai unir o casco urbano dende a Lagoela ata os colexios e a zona deportiva de Altamira. A actuación conta co un orzamento de 32.064,65 €.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Con estas obras seguimos a completar o proceso de humanización da vila, no camiño de converter o municipio nun pobo amable para o viandante pero ao mesmo tempo garantindo a fluidez para os vehículos. Pensamos nun urbanismo para as persoas, e na posta en valor e conexión da Vila cos espazos naturais e rurais vinculados ao entorno. Construímos unha vila e unhas parroquias con servizos de calidade, pensados para a Salceda do presente e do futuro”.