O equipo de goberno do Concello de Salceda de Caselas insta a Novagalicia Banco a devolver a totalidade dos aforros suprimidos a través das quitas que lexislou o PP aos afectados por preferentes e subordinadas. O Presidente de BANESCO anunciou publicamente que esta devolución se produciría antes de 90 días, polo que dende o Concello de Salceda se ameaza con que, en caso de non cumprirse este prazo, serán canceladas as contas que a entidade ten en Novagalicia Banco, amosando así o seu total apoio ás reivindicacións que se están á facer dende a Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas. Así se lle fixo saber á entidade, e se volverá tratar na xuntanza que se manterá a vindeira semana co director da oficina de Salceda e coa xefa de zona. O Concello xestiona o 75% das súas operacións financieiras ao traverso de Novagalicia Banco. En Salceda foron cerca de douscentos os afectados por este tipo de participacións, e o equipo de goberno do municipio (Movemento Salceda – PSOE) posicionouse dende o primeiro momento do lado dos afectados, colaborando en todo momento coa Plataforma que defende os seus dereitos.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Non nos queda outra que tomar este tipo de decisións. Pedímoslles desculpas aos veciños e veciñas que se poidan ver afectados polos cambios, pero estamos seguros de que estarán dacordo con esta medida solidaria cos 200 salcedenses afectados”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, lamenta ter que chegar a esta situación, que non se tería producido se o Partido Popular se tivese posicionado do lado dos aforradores, no canto de facelo do lado da banca. “É inconcebible que se inxectasen tantos millóns de euros ás entidades bancarias procedentes de todos e cada un dos cidadáns do País, e que o resultado sexa a aplicación das “quitas” ou “descontos” nos aforros dos galegos e galegas”.