Salceda de Caselas, 6 de febreiro de 2024
O Cruceiro de Fonte da Pedra, lugar emblemático na loita carnavaleira de Castro Barreiro e A Feira, foi o marco escollido para a presentación da festa de Entroido de Salceda de Caselas. Estes dous barrios levan máis de 130 anos enfrontándose ano tras ano nestas datas, convertendo a Salceda no centro neurálxico do Entroido no sur da provincia de Pontevedra.
Representantes de ámbolos dous barrios acompañaron hoxe ao equipo de goberno na presentación do evento, facendo público un cartaz no que se reflexa o enfrontamento entre o “castrón” de Castro Barreiro e a “vella” da Feira.
Como cada ano, foi imposible que ningún dos dous barrios desvelase nin dese a máis mínima pista sobre as temáticas que protagonizarán a loita nesta ocasión, reservando o que definen como “información confidencial” para o seu día grande: o martes de Entroido. E para iso están os equipos de espionaxe de ámbolos dous barrios, para tentar conseguir información do rival, aínda que parece que nesta ocasión o hermetismo é absoluto. No que si coincidiron Castro Barreiro e a Feira é que nesta ocasión a xente está moi animada a participar, e que as compasas serán máis grandes que nunca. Haberá que agardar a martes a ver se o que din é certo ou só é un “dardo envenenado” para o rival.
A rivalidade entre os barrios é sen dúbida a cita destacada do Entroido de Salceda, pero non a única. Os actos comezan xa o venres co desfile escolar que acollerá a máis de 1500 nenos e nenas de 0 a 18 anos, e co desfile de carrozas e comparsas o domingo con máis de 1200 persoas de 9 agrupacións. O martes será a quenda de Castro Barreiro e a Feira co desfile das súas carrozas e comparsas, pero xa o luns quecerán motores coas multitudinarias verbenas en cada un dos seus torreiros de festas. Ademais a programación complétase con actos para os nenos e nenas ou concertos tan agardados como o da Banda Cultural, o sábado no Auditorio Municipal. Tamén a mañá do domingo acollerá unha importante cita nestas datas, como é a presentación do Rancho de Entroido da Feira acompañado dos tradicionais cabaleiros.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Festas: “Salceda está preparada para acoller un ano máis a milleiros de persoas na nosa festa máis tradicional. O Entroido é un referente no noso Concello e é moita a xente e os colectivos implicados para que todo saia adiante sen incidencias”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Animamos á nosa veciñanza, así como á xente doutros municipios, a achegarse e gozar dun Entroido diferente e tradicional, con máis de 130 anos de historia, que nos converte en referente en toda a provincia”
Gabinete de prensa, 6 de febreiro de 2024