O Consorcio de Augas do Louro vén de celebrar a constitución do novo comité directivo. Trátase da primeira sesión celebrada logo das eleccións locais do 28 maio tralas que se constituíron os novos gobernos municipais nos catro concellos que conforman a entidade: Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Nesta ocasión, a composición do órgano colexiado queda cos mesmos membros por parte dos concellos de Mos, O Porriño e Tui, que son os seus alcaldes, Nidia Arévalo, Alejandro Lorenzo e Enrique Cabaleiro, respectivamente, habendo un único cambio no caso de Salceda, que agora estará representado pola actual alcaldesa Loli Castiñeira. Cada un dos vogais ten asignado un suplente, todos eles concelleiros na materia en cadanseu Concello, Camilo Grandal de Mos e Miguel Méndez de Tui, presentes na xuntanza de hoxe, e Antía Carrera no caso de Porriño e Marcos Troncoso de Salceda. O quinto vogal é un representante da Xunta de Galicia, competencia que recae na Dirección de Augas de Galicia, actualmente ocupada por Teresa Gutiérrez, quen asistiu por videoconferencia á reunión na que tamén estivo presente o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez e a secretaria accidental, Mariana Vila.
O alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, continuará a ser o presidente do Consorcio e a vicepresidencia sustentaraa o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
A constitución do comité directivo foi o primeiro dos once puntos que conformaban a orde do día da convocatoria desta mañá na que o presidente fixo fincapé nunha das actuacións máis inmediatas, a inversión do remanente de tesourería, que se sitúa próximo ao millón de euros, en melloras nos catro municipios, para o cal “é preciso que cada concello teña unha listaxe de necesidades e demandas puntuais que se poidan incluír nesta partida”. Do mesmo xeito, Lorenzo lembrou que “sumando fondos propios e axudas doutras entidades supramunicipais, a maiores da inversión que cada concello poida facer, continuaremos coa redacción de máis proxectos para ir completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios e dar servizo á totalidade da veciñanza”.
Precisamente, entre os asuntos que se trataron hoxe destacan a aprobación de expedientes referentes a dúas actuacións que suman unha inversión de máis de 637.000 euros. Por unha parte, aprobouse o proxecto e o gasto para a execución dunha nova rede separativa de pluviais, de 516 metros de lonxitude, e a renovación de 745 metros de rede de saneamento e de 747 metros de rede de abastecemento de auga, as cales dan servizo a 125 vivendas en Tui, concretamente no tramo que comprende dende a intersección da estrada N-551 coa N-550, ata a Ponte Internacional. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses e contan cun orzamento de 428.372,23 euros.
A outra obra que se levará a cabo de xeito inmediato son unha serie de melloras no sistema de abastecemento que afecta aos termos municipais do Porriño, Mos e Salceda para o cal se actuará en dous puntos, na ETAP dos Valos e no depósito da Risca. No primeiro caso, preténdese optimizar o funcionamento da estación mediante a instalacións dunha válvula reguladora de caudal de entrada, a adaptación da zona de reactivos, a substitución do depósito de dilución actual por outro con maior capacidade, a demolición da caseta de bombas construíndose outra máis ampla, unha plataforma de acceso á mesma e outras actuacións complementarias. Polo que respecta ao depósito da Risca, as obras propostas para facilitar os traballos de limpeza e mantemento do mesmo consisten na execución de dúas arquetas a fin de instalar uns xogos de válvulas que permitan illar a cámara de chaves actual e o subministro directo desde a tubaxe de chegada ao depósito sen pasar por este, deste xeito sería posible poñer fóra de servizo o depósito sen que por elo se vexa afectado o subministro de auga. O orzamento para esta actuación, que comprende tamén a substitución de todas as pezas de caldeiraría que actualmente se atopan en mal estado, ascende a 209.498,66 euros e ten un prazo de execución de tres meses.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos