Salceda, tres desfiles no mellor entroido da contorna

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación do Entroido 2023, un ano no que se recuperan os actos tradicionais e máis importantes da celebración, logo de dous anos marcados pola COVID19. A presentación contou coa presenza de Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, e Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, acompañados de representantes de ámbolos dous barrios (Raquel Rodríguez e Melucha Vázquez pola Feira e Rocío Troncoso e Andrea polo Barreiro), que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixonante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos ou intereses.

O Entroido 2023 recupera os tres desfiles. O venres 17, o desfile infantil protagonizado polos centros escolares voltará encher de ledicia e cor as rúas do casco urbano de Salceda, dende os máis cativos e cativas das Escolas Infantís ata o alumnado da ESO e bacharelato do IES Pedras Rubias. O domingo 19 chegará a hora do desfile organizado dende a Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, na que ven sendo xa a súa vixésimo cuarta edición, que contará este ano con 9 agrupacións e máis de 1200 persoas participando, nun día no que todo apunta a que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido. E xa o derradeiro desfile será o martes, onde o centenario enfrontamento entre o Castro Barreiro e a Feira se citarán na Praza do Concello para amosar as súas carrozas e comparsas, unha cita que se leva celebrando cando menos dende hai 135 anos.

Dende o ano 2018 a Feira ven representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas. Este ano, serán tres as ubicacións onde actuará o Rancho, no Parque Raíña Aragonta, na Praza da Devesa, e na Praza do Concello. Ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así a continuación desta mostra de Patrimonio Inmaterial.

O Entroido son unhas datas nas que Salceda de Caselas recibirá a visita de milleiros de persoas para presenciar os diferentes actos e desfiles. Como novidade este ano, retransmitiranse por Youtube os desfiles de Domingo e Martes, así como a actuación do Rancho de Entroido da Feira.

A programación complétase co sábado, no que haberá actividades infantís e o tradicional Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. O día pecharase coa actuación da orquestra Saudade. Precisamente esta é unha das novidades do 2023, trasladando a verbena do domingo ao sábado. Así, o domingo completarase coa Discoteca Móbil Gramola Tour Track, que amenizará as coplas e a festa posterior ao Desfile de Carrozas e Comparsas. As verbenas voltarán tamén aos barrios do Castro Barreiro e da Feira, o luns 18 e martes 19, logo de seren anuladas os pasados anos polas restriccións da pandemia.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Chega o Entroido e con el a cita máis importante do ano na que sen dúbida, é a festa con máis arraigo na veciñanza. É un orgullo poder retomar os “tres entroidos nun”; o entroido infantil con máis de 1300 nenos e nenas de 0 a 16 anos desfilando pola vila, o entroido institucional con máis de 1200 participantes no XXIV desfile de carrozas e comparsas do domingo que cada ano reúne a milleiros de persoas no público, e o entroido tradicional co histórico enfrontamento entre Castro Barreiro e Feira.”

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Desexo que a veciñanza poida este ano gozar xunto coas súas familias e as súas amizades do noso Entroido, unha das festas máis importantes para o noso concello. Invitar á xente de fora de Salceda a que nos visite a que desfrute connosco dun dos carnavais máis senlleiros de Galicia e que aproveite para coñecer o noso pobo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tradicións”.

 

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2023

Venres 17 de febreiro

  • 11:00 Desfile de entroido dos centros escolares.
    • Escola Infantil Xoaniña
    • Escola Infantil A Galiña Azul
    • CRA Raíña Aragonta
    • Cep Altamira
    • IES Pedras Rubias

Sábado 18 de febreiro

  • 16:00 Obradoiros infantís. Parque Raíña Aragonta
  • 20:30 Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. Auditorio Municipal.
  • 30 Verbena a cargo da Orquestra Saudade

Domingo 19 de febreiro

  • 12:00 Rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros.
    • 00 Parque Raíña Aragonta
    • 30 Praza da Devesa
    • 00 Praza do Concello
      • Retransmisión en directo a través de youtube.
  • 17:00 XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas. Saída da Praza da Devesa
    • Retransmisión en directo a través de youtube.
  • 19:00 Concurso de coplas de Entroido. Praza do Concello.
  • 20:00 Discoteca Móbil A Gramola Tour Track

Luns 20 e martes 21 de febreiro

  • Centenario enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, con verbenas no dous lados.

Martes 22 de febreiro

  • 17:00 Presentación das Carrozas e Comparsas do Castro Barreiro e da Feira na Praza do Concello, e ás 19:00 no cruceiro da Fontedapedra.
    • Retransmisión en directo a través de youtube.

 

Gabinete de prensa, 14 de febreiro de 2023