O concello de Salceda de Caselas ven de presentar para a convocatoria do Plan Concellos 2023, da Deputación de Pontevedra, un plan de actuacións para a mellora de instalacións deportivas municipais.
A primeira das actuacións presentadas consistirá na renovación e reforzo do valado das pistas polideportivas municipais exteriores. Substituirase o peche actual por un máis consistente e se se reforzará fixándoo a unha estrutura de perfil metálico interior que contará na súa parte inferior coa colocación duns paneis para dotar de maior robustez á estrutura.
O orzamento base de licitación para a execución desta actuación será de 22.986,13€ (IVE incluído).
A segunda intervención mellorará a pista de pádel e calestenia e terá como obxectivo o subministro de materiais para a substitución do céspede de uso deportivo para a pista de padel outdoor e a colocación dun pavimento de caucho que creará zonas de seguridade nos elementos do circuito de workout baixo os elementos de calistenia.
O orzamento base de licitación para esta segunda actuación será de 14.432,73€(IVE incluído).
Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “A solicitude de financiamento destas actuacións, unida á intervención que imos realizar no Pavillón Municipal, supoñen actuar de forma integral sobre diversos elementos das instalacións que se atopan dentro do complexo polideportivo Altamira, no que practica deporte unha boa parte da veciñanza”.
Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”Continuamos a traballar firmemente na mellora e rehabilitación do conxunto das instalacións deportivas municipais, como neste complexo do pavillón ou na piscina municipal, para mellorar a calidade de servizo que prestamos a veciñanza que práctica deporte nas súas diferentes modalidades”.
Gabinete de prensa, 7 de febreiro de 2023