O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil José Antonio Quiroga visitou, a petición da alcaldesa Verónica Tourón, as zonas máis afectadas no concello de Salceda de Caselas polas fortes choivas de Nadal e Aninovo. Esta visita encádrase na liña de xestión iniciada pola rexedora municipal para abrir vías de colaboración coas diferentes administracións públicas co obxectivo de paliar os danos provocados polas abundantes precipitacións.
O presidente da Confederación, acompañado polo equipo de goberno, puido apreciar de primeira man os danos sufridos en dúas das zonas máis afectadas, a que corresponde a área industrial do Cerquido e a correspondente a senda do río Caselas na parroquia de Entenza, que como o resto das sendas fluviais do municipio sufriron importantes e numerosos danos.
Verónica Tourón e o concelleiro de Medio Ambiente Rubén González transmitíronlle ao presidente da Confederación a necesidade de acometer a limpeza dos cursos fluviais do municipio como o río Caselas ou os ríos Becerreira e Tinto situados na zona industrial do Cerquido, como medida urxente a levar a cabo tras o episodio de inundacións e fortes choivas sufridas o 1 de xaneiro.
José Antonio Quiroga tamén amosou interese polos diferentes proxectos que dende o equipo de goberno se queren levar acabo relacionados coa planificación de sendas fluviais e rede de saneamento.
O goberno municipal expresou a súa satisfacción pola visita do máximo responsable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao concello de Salceda.
Gabinete de prensa, 1 de febreiro de 2023