A alcaldesa Verónica Tourón e a concelleira de ensino Angela Ledo, reuníronse este xoves coa directora Xeral de Formación Profesional María Eugenia Pérez Fernández en Santiago de Compostela, para estudar a viabilidade da implantación da Formación Profesional no concello de Salceda.
Na xuntanza, solicitada pola alcaldesa, tratáronse diferentes posibilidades como a implantación de FP Básica ou a Formación Profesional Dual, tendo en conta o amplo tecido industrial e comercial existente no municipio e nos polígonos industrias dos concellos limítrofes.
Tralo encontro, a vía de estudo quedou aberta para ser retomada unha vez rematada a ampliación do IES Pedras Rubias, que está en proceso de licitación neste momento.
O IES Pedras Rubia acolle este curso 409 alumnos e alumnas da ESO e de primeiro de bacharelato, implantado por primeira vez no municipio este curso.
No caso do alumnado que elixe estudar formación profesional ten que trasladarse a outros concellos polo que, a proposta trasladada é que unha vez estea rematada a ampliación se poidan aproveitar as instalacións para acoller a Formación Profesional na quenda de tarde ou compaxinando.
Tourón aproveitou á ocasión para trasladarlle á directora xeral a súa preocupación pola problemática que ten o transporte en Salceda, e como afecta a mocidade local para poder formarse axeitadamente.
“É necesario abrir o abano de opcións educativas para que a nosa mocidade poida desenvolver a súa formación, aspecto vital para o desenvolvemento do noso concello”, considera Tourón, que ademais incide na importancia do gran esforzo que nesta liña de cambios, están a facer a equipa directiva do IES Pedras Rubias”
Gabinete de prensa, 20 de xaneiro de 2023