Salceda incorpora a dúas novas persoas como auxiliares de Policía

O Concello de Salceda de Caselas incorporou dúas persoas como auxiliares de Policía Local , que formarán parte da plantilla inicialmente ata mediados do mes de abril, coa posibilidade de ampliación de contrato por tres meses máis.

Ditas incorporacións axudarán a reforzar a plantilla da Policía Local e súmanse aos cambios levados a cabo nos últimos tres meses como a recente toma de posesión do oficial xefe da Policía Local e a cobertura prevista da vacante de oficial que quedaría pendente e que se é posible levarase a cabo durante este ano 2022.

Nesta liña o concello de Salceda de Caselas  ten asinado un convenio dende o ano 2018 coa Xunta de Galicia para acollerse ás convocatorias centralizadas a través da Academia Galega de Seguridade Pública o que lle permite acelerar o prazos de contratación do persoal ao máximo para incorporar á plantilla da súa Policía Local.

Lucía Pereira concelleira de Réxime Interior, Seguridade e Tráfico: “Estas incorporacións xunto co recente nomeamento do Oficial Xefe de Policía Local permítenos seguir levando a cabo accións tan importantes como a adhesión ao Protocolo VioGen no que a policía intervén de forma activa na loita contra a violencia de xénero, ou  a estreita colaboración en diferentes campañas levadas a cabo pola Garda Civil e as demais forzas de seguridade do Estado, xa que a colaboración mútua entre as diferentes forzas de seguridade é fundamental, e ten demostrado dar bos resultados”.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda: “É unha prioridade garantir a seguridade da veciñanza todos os días e a incorporación de dous novos auxiliares suporá un reforzo nos servizos da nosa policía”.

 

Gabinete de prensa, 25 de xaneiro de 2022