O Concello de Salceda de Caselas presentou o seu 1º concurso #ConSalceda de Pinchos e Tapas. Na presentación a concelleira de comercio e alcaldesa Verónica Tourón estivo acompañada por Acisa, que colabora co concello nesta iniciativa, representada pola súa presidenta Elisa Rodríguez Vaqueiro e polo representante da hostalería Marcos Salgueiro Montenegro. Ao acto tamén acudiu a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira.
Este 1º concurso de pinchos e tapas celebrarase en Salceda do venres 19 ao domingo 28 de novembro, e nel establécense dúas categorías: pincho e tapa, na categoría de pincho participan: Tabertenda, Cafetería Altamira, A Parra e Lajala; e na categoría de tapa participan: O Recuncho, La Marujita, Tapería Ozores, El Palenque, A Parra, Calustra e A Regueira Gastro.
O prezos fixados serán de 3 euros a tapa e 1 euro o pincho. Podese consultar o horario no que cada local servirá a súa tapa ou pincho nos establecementos comerciais e hosteleiros da vila, así como nas redes sociais . En cada local atoparase unha urna para que todas as persoas que queiran degustar os pinchos e tapas voten no momento do consumo.
Cada categoría ten dous premios, primeiro e segundo, que resultará nunha placa de recoñecemento da posición conseguida para os locais participantes. Pero non só haberá recoñecemento para os locais gañadores , senón que as persoas que degusten as tapas e pinchos tamén participarán no sorteo de tres premios: un vale de 300 euros outorgado polo concello para o consumo en todo o comercio local, un vale de 500 euros que aporta Acisa para consumir nos establecementos asociados e un vale de 100 euros que se poderá gastar nos establecementos que concursan. Ademais todas as persoas participantes que completen a ruta de pinchos e tapas terán un agasallo directo doado polo establecementos que participan no concurso.
Con esta medida preténdese seguir dinamizando o comercio e a hostalería de Salceda, ademais de axudar á volta á normalidade trala época de pandemia que estamos a padecer, na que o comercio e a hostalería sufriron restricións que non lles permitiron desenvolver a súa actividade de xeito normal, con limitacións en horarios e aforos, ademais de peches. Un dos maiores esforzos da pandemia recaeu no sector hosteleiro, polo que voltar a socializar e desfrutar dos locais de hostalería de Salceda é unha boa maneira de apoiar.
Por outra banda , con esta iniciativa o concello segue a poñer de relevo a marca #ConSalceda, coa finalidade de convertela nunha marca de referencia para dar visibilidade a todo o comercio local, a hostalería e a praza de abastos. Unha marca comercial que identifique Salceda a través de valores implícitos, valores como o de traballar conxuntamente para por en valor “o noso”.
Verónica Tourón, concelleira de comercia : “continuaremos a por en marcha iniciativas que activen a economía de Salceda e seguiremos a apoiar ás que partan da hostalería, comercio e industria, porque axudar ao comercio é axudarnos a nós, a toda a veciñanza”
Gabinete de prensa, 9 de novembro de 2021