O Pleno da Corporación do Concello de Salceda de Caselas aprobou por unanimidade o pasado xoves a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica para incluír unha bonificación do 75% para os vehículos máis eficientes, os de cero emisións e os cualificados eco.
Esta bonificación do 75% afectará durante toda a súa vida útil aos vehículos máis eficientes enerxética mente, os cualificados co distintivo ambiental cero emisións. Neste grupo están incluídos os eléctricos de batería (BEV), os eléctricos de autonomía entendida (REEV), os eléctricos híbridos enchufables (PHEV) cunha autonomía de 40 km ou máis ou os vehículos de pila de combustible.
Tamén serán bonificados durante os cinco primeiros anos dende a data de matriculación os vehículos co distintivo ambiental etiqueta ECO. Nesta categoría están incluídos os híbridos enchufables con autonomía inferior a 40 km, os híbridos non enchufables (HEV), os propulsados por gas natural e gas (GNC e GNL) ou os que empreguen gas licuado do petróleo (GLP).
Esta bonificación súmase á xa existente do 50% na cota do imposto para os vehículos cunha antigüidade mínima de 25 anos contados a partir da data de fabricación.
A modificación da ordenanza é unha das medidas do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), aprobado no 2020, logo de que o Concello de Salceda de Caselas se adherira ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía no 2019.
Lucía Pereira, Concelleira de Facenda: “Con esta fórmula buscamos incentivar a compra e o uso de vehículos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente, na que debe ser unha transición cara a un futuro no que a totalidade dos vehículos sexan cero emisións, reducindo así a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera”.
Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “con estas bonificacións na cota do Imposto sobre vehículos de Tracción Mecánica, xunto con outras accións que estamos poñendo en marcha, cumprimos cos compromisos adquiridos na sinatura do PACES e imos camiñando cara un futuro máis sostible”
Gabinete de prensa, 3 de novembro de 2021