O Concello de Salceda de Caselas destinará un total de 43.137,79 € á atención ás familias máis desfavorecidas dentro da crise orixinada polo coronavirus a través do Programa de alimentos. A financiación será sufragada dentro de dúas liñas de subvención da Diputación de Pontevedra, unha delas específica para paliar os efectos da crise do coronavirus, e a outra dentro do Plan Concellos 2020. Esta aportación ven a unirse aos 5.000 € que o futbolista salcedense Denis Suárez destinara xa a este mesmo concepto no inicio da crise.
As familias que precisan atención a través do programa de alimentos do Concello de Salceda duplicáronse dende o inicio da crise do coronavirus, situándose nestes momentos nas 54 familias atendidas, con especial seguemento naqueles casos nos que teñan menores a cargo. A maioría dos casos son unidades de convivencia que non tiñan historia social no departamento de servizos sociais porque tiñan unha situación, en maior ou menor medida, normalizada de ingresos. Neste momento resulta fundamental que todas as administracións se volquen na axuda aos colectivos mais vulnerables, e os servizos sociais de atención comunitaria básicos son a porta de entrada destas demandas e deben dar resposta áxil a estas necesidades básicas, polo que dende o Concello de Salceda se tomou a decisión de destinar estas dúas subvencións ao Programa de Alimentos.
Este investimento suporá ademais un importante apoio para os supermercados da vila, pois toda a xestión realizarase a través deles, con entrega de vales de compra a través do departamento de servizos sociais para consumir nos supermercados locais, válidos para adquisición de alimentación de primeira necesidade e produtos básicos de limpeza.
Gela Ledo, Concelleira de Benestar Social: “Dende o Concello non imos escatimar esforzos en axudar ás persoas que o están a pasar peor nestes momentos, agradecendo tamén as numerosas mostras de solidariedade e aportacións recibidas nestas últimas semanas para o Programa de Alimentos. Ademais o departamento de servizos sociais do Concello está a facer un intenso traballo dende o inicio desta crise para atender as numerosas demandas que se lles presentan, polo que queremos trasladarlle todo o noso agradecemento ás traballadoras do departamento pola gran laboura realizada”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “as administracións públicas temos a obriga de apoiar ás familias máis desfavorecidas, máis que nunca en tempos complexos como o que estamos a vivir. O apoio do resto das administracións resulta imprescindible para a atención a estas persoas, pois doutro xeito sería imposible para os Concellos pequenos asumir estas aportacións, polo que apelamos a que Xunta e Goberno Central ofrezan tamén este tipo de liñas de axuda”.
Gabinete de prensa, 4 de maio de 2020