O Concello de Salceda presentou esta mañá as XII Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 21 e 22 de marzo. Calcúlase que na mostra participarán unhas 75 persoas chegadas de toda a xeografía galega, Portugal e Asturias, que amosarán máis de 500 variedades desta flor de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 160 metros de exposición.
Lucía Pereira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, agradeceu especialmente o traballo da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas de Salceda, pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra. Así mesmo, quixo facer extensivo o convite a participar aos centros de ensino, asociacións e outros colectivos, moitos dos cales xa confirmaron a súa presenza nesta mostra, que se ten convertido xa na de maior dimensión de toda Galicia. Apuntou tamén a Concelleira que este ano as persoas e entidades que participen nas xornadas recibirán un agasallo moi especial, xa que está elaborado polos usuarios e usuarias de Avelaíña, colectivo que traballa con persoas con enfermidades mentais, do cal forman parte tamén veciños e veciñas de Salceda.
Ademais das máis de 500 variedades de flor que se poderán ver en Salceda, poderanse coñecer tamén outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudio e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, e que cada ano ven participando na mostra de Salceda.
O domingo celebrarase ademais unha nova edición da feira de agricultura ecolóxica e mercado sostible, da man de Ekohuerta, con produtos reciclados e de segunda man, cosmética natural, oficios tradicionais, etc.
A fin de semana complétase con diversos actos de programación cultural complementaria, como o concerto de Volta e Dalle o sábado ás 16:30 no acto de inauguración, ou a animación de rúa e os xogos infantiles o domingo ás 17:00 a cargo de Cóxegas.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo de tódalas persoas e colectivos que fan posible a mostra: asociacións, voluntariado, colexios, etc. A alcaldesa aproveitou ademais para convidar a visitar Salceda durante esta fin de semana non só ás persoas amantes da camelia, senón tamén ás que se acheguen a desfrutar da programación preparada para toda a fin de semana, facendo que Salceda siga a ser referencia polo seu dinamismo social.
Gabinete de prensa, 6 de marzo de 2020