O goberno de Salceda ven de aprobar inicialmente en pleno os orzamentos para este ano 2019, que ascenden a unha cantidade de 4.809.240 €.
Cabe lembrar que os orzamentos vixentes actualmente no Concello de Salceda están prorrogados dende o ano 2016, polo que xa non respondían á realidade social e económica de Salceda. De feito, o remanente de tesourería existente posibilitou o incremento dos orzamentos en 700.000 €, que sen dúbida contribuirán ao bo funcionamento dos diferentes servizos municipais.
Destaca no documento o incremento da partida destinada a un servizo tan fundamental como o servizo de axuda no fogar (SAF), que pasa de 200.000 a 400.000 €, garantindo así a cobertura das horas de servizo que se foron incrementando nos últimos anos, e que están en torno ás 2.500 horas mensuais entre os servizos por dependencia e por libre concurrencia.
O capítulo de persoal, con 1.499.979,35 € consignados, supón un 30% do Orzamento, incrementándose nuns 60.000€. Este capítulo presenta novidades con respecto ao orzamento vixente, xa que se prevé unha praza de tesourería de habilitación nacional, obrigatoria para Concellos de mais de 5.000 habitantes, así como a dun Oficial de Policía, tamén obrigatoria por lei. Ademais dótanse ao 100% prazas que no orzamento anterior figuraban por un tempo determinado. O incremento de 60.000 € servirá tamén para dar cobertura a diversas obrigas e gastos producidos nos últimos anos, como o cumprimento de sentencias, os incrementos salariais derivados dos Orzamentos Xerais do Estado, etc.
En canto ás subvencións para entidades culturais, deportivas e sociais, mantéñense os 92.000 € consignados, garantindo así o apoio a estas entidades que contribúen á dinamización de Salceda, nun momento en que a tendencia das diferentes administracións e a reducir este tipo de aportacións, e incluso a eliminalas en varios casos.
En canto ao capítulo de investimentos, recóllense 313.835,38 € que servirán para levar a cabo pequenas obras de grande importancia para o día a día da veciñanza de Salceda, que se realizarán a través das diferentes áreas de goberno.
Lucía Pereira, Concelleira de facenda, defendeu os orzamentos alegando que “se axustan á realidade de Salceda, e ofrecen a garantía precisa para manter os servizos ofertados para a veciñanza de Salceda que se viron incrementados constantemente ao longo dos últimos anos”.
Gela Ledo, que actuou como voceira do PSOE, afirmou que están a cumprir o obxectivo recollido no pacto de goberno entre PSOE e MS de presentar uns orzamentos cada ano, que fagan que a situación económica do Concello se vexa reflexada nun documento actualizado e realista.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, lembrou que estamos nun momento importante, coa existencia dun goberno forte en maioría, que permitirá sacar adiante documentos tan importantes como este, que garantan a prestación de numerosos servizos á cidadanía por parte do Concello, e que o fagan con transparencia e obxectividade, como premisa fundamental deste equipo de goberno.
Gabinete de prensa, 25 de setembro de 2019