O Concello de Salceda de Caselas ven de asinar sendos convenios co IES Pedras Rubias e o CEP Altamira por valor de 6.300 €. Dita subvención está destinada a financiar os gastos de diversas actividades complementarias á formación organizadas por ámbolos dous centros: viaxes culturais, obras de teatro… durante este ano 2014. A Concellaría de Ensino, dirixida por Teresa Pérez, ven de facer así un enorme esforzo financieiro por manter estas axudas aos centros de ensino: “non nos podemos esquecer que estamos a falar dunha competencia autonómica, non municipal, na que o Concello fai unha importante aportación económica para que os nosos fillos e fillas poidan desfrutar da mellor calidade no ensino”, afirmou a Concelleira.
Estas axudas materializáronse na sinatura de sendos convenios entre Marcos Besada, Alcalde de Salceda, e Montserrat Vaqueiro e Mª Jose Espiñeira, directoras do CEP Altamira e o IES Pedras Rubias respectivamente. Marcos Besada destacou a importancia de seguir a apoiar os centros públicos de ensino “agora máis que nunca, nun momento en que ditos centros ven recurtados día tras día os seus servizos máis básicos”. En declaracións do alcalde “estamos a falar da formación dos nosos fillos e fillas, polo que todo esforzo será pouco en todo o relativo ao apoio aos centros escolares de Salceda”.
Dende a Concellaría de Cultura lémbrase ademáis que o Concello encárgase de todo o mantemento dos centros de infantil e primaria: pintado, climatización, reparacións… chegando incluso en moitas ocasións a realizar obras que lle corresponderían á Consellería de Educación da Xunta de Galicia pero que as acaba asumindo o Concello para facilitar a formación dos máis pequenos.
Tamén o CRA Raíña Aragonta recibe axuda do Concello, que se traduce na financiación de diversos autobuses para as saídas que se realizan ao longo do curso escolar.
Foto: Directora do CEP Altamira, Alcalde e Concelleira de Ensino asinando o convenio