23 locais adheríronse á plataforma de venta online de Salceda

                A plataforma “De barrio” bota a andar tamén no Concello de Salceda con 23 comercios inicialmente, que se prevé sexan máis nos vindeiros días. O Concello colabora deste xeito co sector do comercio, asumindo os custos das altas no servizo e de mantemento neste primeiro ano. O proceso realizouse en contacto directo coas dúas asociacións de comerciantes existentes no municipio: ACISA e Asociación de comerciantes da Tabernanova.

                A crise do coronavirus e o seu consecuente confinamento puxo en auxe o sistema de compra on line, en detrimento en moitas ocasións do comercio local. Precisamente buscando novas alternativas naceu esta plataforma que ofrece un servizo de venta a través de internet coa diferenza de que é feito directamente polo pequeno comercio. A iniciativa, que xa funciona en Concellos como Vigo, Gondomar, Nigrán ou Salvaterra de Miño, chega agora a Salceda onde se agarda que sexan moitos os comercios que participen.

                A través do enderezo www.dbarrio.com, as persoas que fagan uso deste servizo poderán escoller e adquirir o producto que máis lle interese no comercio que prefira, engadíndose ademais a facilidade de poder elexir cómo, cando e onde quere que lle sexa entregado.

                Nestes días os comercios adheridos ao programa están a cargar xa a súa oferta de produtos na plataforma, polo que xa se pode acceder ao servizo segundo se vaian incorporando o resto de locais adheridos.

                Verónica Tourón, Concelleira de Comercio: “Dende o concello seguiremos dinamizando  o comercio e a hostelería local da man das e dos comerciantes como vimos facendo ata agora e poñendo á súa disposición todas as ferramentas precisas para adaptarse ao novo contexto que estamos vivindo”

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Coidar o pequeno  comercio é unha  das prioridades, que nesta crise do coronavirus se fixo aínda máis imprescindible. Esta iniciativa ofrece solucións de presente pero sobre todo de futuro, por iso decidimos que o Concello de Salceda  dera un paso importante coa financiación da mesma. Non quero deixar de agradecer o traballo que as dúas asociacións de comerciantes están a facer en Salceda, tanto durante esta crise como no resto do ano”.

 

Gabinete de prensa, 6 de xullo de 2020