A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición da Festa dos Callos de Salceda. Será sen dúbida unha edición especial, xa que se celebran os 25 anos do evento. Para celebralo, o Pleno da Corporación Municipal ven de aprobar a solicitude de Declaración da Festa como de Interese Turístico de Galicia, que nos vindeiros días será remitida á Xunta de Galicia para a súa avaliación.
O Alcalde de Salceda, Marcos Besada, e a Concelleira de Cultura, Teresa Pérez, estiveron acompañados polo alma mater da festa, Alejandro Alonso, Fernando Córdoba, Director Xerente da unidade de negocio de conservas e platos preparados de Coren e por Antonio Méndez, Presidente de Señorío de Rubiós.
A Concelleira de Cultura salientou a ampla programación complementaria para celebrar a festa, que se vai extender ao longo de catro días con actividades dirixidas a tódolos públicos, dende o xoves ata o domingo.
No tocante á xornada principal do domingo, Suso Vaamonde, “amigo da casa” en palabras de Tere Pérez, será o encargado de dar o pregón da festa. Xa pola tarde Vaamonde ofrecerá un concerto coa Banda Cultural de Salceda no Auditorio Municipal, nun espectáculo que Suso representa en exclusiva con esta banda.
A Concelleira salientou que unha vez máis serviranse callos sen gluten, polo que tamén os celíacos se poden achegar tranquilamente á degustación de callos. Así mesmo, fixo mención especial ao dispositivo de seguridade e organización previsto, con participación de máis de 50 persoas voluntarias, ademáis do persoal municipal e os corpos de Policía Local e Protección Civil. En palabras da Concelleira “estamos preparados para acoller aos milleiros de persoas que se achegarán o domingo a Salceda”.
Por parte de Frigolouro, os seus representantes agradeceron ao Concello de Salceda que contase con eles unha vez máis, garantizando a existencia de callos para todos aqueles que se queiran achegar a degustalos, dende as 9:30 ata as 16:00 horas aproximadamente.
Este ano o viño elexido foi un monovarietal Sousón Manuel D´Amaro das bodegas Señorío de Rubiós, que o público asistente poderá degustar tamén no stand que a mesma bodega instalará na mesma Praza do Concello. Ademáis presentouse unha botella etiquetada especificamente para a Festa, lembrando o 25 aniversario do evento.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, lembrou que o 2017 está a ser ano de aniversarios en Salceda, e tamén no caso da Festa dos Callos, grazas ao traballo ao longo de moitos anos de moitísima xente. Salientou así mesmo o realce que se lle leva dado á festa nos últimos anos, no que se refire a todo o que rodea a festa, que non se queda nun simple xantar, senon que vai moito máis alá cunha ampla oferta cultural e turística que serve de aliciente a moitas persoas de Salceda e dos arredores.