20.000 racións para a XXX Festa dos Callos

A Praza do Concello de Salceda serviu esta mañá de escenario de presentación da XXX edición da Festa dos Callos, acto no que non podía faltar a degustación para tódalas persoas que quixeron achegarse. O Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, fixo un repaso pola programación da fin e semana, que se estenderá dende o xoves 29 de agosto ata o domingo 1 de setembro, día grande da festa, que este ano contará con Marta Doviro como pregoeira. O Concelleiro quixo agradecer a tódolos colectivos que fan posible a festa, e destacou ademais o proxecto que compartirán diferentes comisións parroquiais, que se encargarán da xestión de diversos espazos de aparcamento, optimizando deste xeito os espazos e podendo ofrecer máis de 3.000 prazas en pleno casco urbano.

                Esta será sen dúbida unha edición especial, xa que Alejandro Alonso, mestre de cociña e encargado da festa nas súas 30 edicións, dará paso á súa filla Begoña Alonso, que será encargada de seguir co legado de Alejandro nos vindeiros anos. O propio Alejandro recoñecía na presentación que agora pretende dedicarlle máis tempo á familia, aos amigos, a pasear e, en definitiva, a facer todo aquelo que durante anos non fixo por mor do traballo. Recoñecía Alejandro que se sinte “Salcedense de corazón” e que nunca vai esquecer tódolos anos que leva no noso municipio.

Nesta ocasión foi Begoña Alonso a encargada de repasar as cantidades de produto que se prepararán para ofrecer as 20.000 racións dispoñibles: 1.600 quilos de ventre de vacún, 1.200 quilos de pata de vacún, 2.400 quilos de garavanzos, 450 quilos de lacón curado e 350 quilos de chourizo, completados con 350 quilos de sofrito. As potas comezarán a funcionar na propia Praza do Concello sobre a 1 da madrugada, para poder empezar a despachar racións en torno ás 9:30.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda definiu a Festa dos Callos como a mellor de Galicia. Tivo palabras de agradecemento para Alejandro por todos estes anos de servizo, e tamén deu a benvida a Begoña Alonso desexándolle moitos éxitos na súa traxectoria. Destacou a alcaldesa o cartaz da festa deste ano dedicado precisamente a Alejandro na súa despedida.

En palabras da alcaldesa, a Festa dos Callos é economía, é turismo, e sobre todo é “facer Salceda”. Lembrou que o Concello segue pendente do recoñecemento por parte da Xunta de Galicia da Festa dos Callos como “Festa de Interese Turístico de Galicia”, solicitude que se leva facendo dende o 2017 e que aínda non se conseguiu a día de hoxe. “Salceda e a súa veciñanza temos ben merecida esta distinción”, dixo a Alcaldesa, “agardamos acadala máis cedo que tarde”. A Alcaldesa definiu Salceda como un pobo de grande dinamismo social tanto por parte do Concello como do tecido asociativo, o cal se verá reflexado tamén na fin de semana do 1 de setembro.

As 20.000 racións preparadas para degustar poderán degustarse na propia Praza do Concello por un prezo de 10€ nos que se inclúe a tapa de callos, o pan, a bebida, e nas que a veciñanza adquire tamén a cazola e a taza conmemorativos. Para aquelas persoas que prefiran empregar o xa coñecido como “método da tarteira” e levar unicamente o produto para degustar en familia, poderán facelo a un prezo de 7€ a ración.

 

Gabinete de prensa, 22 de agosto de 2024