A semana pasada deron comezo as obras do proxecto de saneamento dos barrios da Ataúde e A Arrotea, na parroquia da Picoña, que lle vai permitir a 15 casas contar con este servizo esencial. Os últimos detalles revisáronse a pé de obra coa Alcaldesa, Loli Castiñeira, a empresa constructora, a empresa redactora do proxecto, e o xerente do Consorcio do Louro.
Prevese a construción dun colector de 491 metros de lonxitude conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública. O proxecto, que conta cun orzamento de 110.898,73 €, foi adxudicada polo Consorcio do Louro a Construcciones Castro, ten un prazo de execución de 3 meses e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui).
O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, lembrando dende o equipo de goberno que unha das súas prioridades para esta lexislatura será precisamente avanzar cara ao desexado saneamento integral, buscando para elo a colaboración das diferentes administracións, pois resulta materialmente imposible executar estas obras con fondos propios do Concello. O equipo de goberno segue deste xeito a dar pasos no cumprimento do pacto de investidura asinado con PSOE e BNG, no que se recolle tamén a importancia de seguir a ampliar a rede de saneamento do Concello.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, amosou a súa satisfacción polo inicio destas obras que deixan á veciñanza dos barrios de Ataúde e Arrotea en igualdade de condicións, pois ata o de agora sólo algunhas vivendas destes barrios contaban con este servizo. “Seguimos a traballar pola mellora das nosas parroquias, conscientes de que a vida no rural debe ter as mesmas condicións e servizos que a vida no casco urbano, polo que a aposta deste equipo de Goberno seguirá a ser a mellora das sete parroquias de Salceda”.
Gabinete de prensa, 13 de outubro de 2023
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos