Zumba contra o cancro

Por segundo ano consecutivo, Salceda de Caselas celebrará o vindeiro venres 21 de outubro unha xornada na que a solidariedade será a protagonista. A finalidade, neste caso, será de recadar fondos para a loita contra o cancro. A partir das 21:30, na Praza do Concello, máis dun centenar de mulleres participarán nunha exhibición de Zumba, nunha iniciativa da Concellería de Sanidade do Concello de Salceda que dirixe Loli Castiñeira, e que se celebra baixo o nome de “Zumba contra o Cancro”.

Coa colaboración dos instructores Niko, Maggy, Noelia, Cris, Inma e Adela, a Zumba contra o cancro suporá un xeito de concienciar a todos os asistentes na necesidade de tomar parte activa na loita contra unha enfermidade que, grazas a iniciativas como estas, pouco a pouco vai atopando vías de saída. Na exhibición participarán alumnas dos seis instrutores, así como outras mulleres e homes que queiran sumarse ao evento.

Na mesma Praza do Concello instalarase un posto de venta de camisetas cuxa recadación  irá destinada á Asociación Española contra o Cancro. O pobo de Salceda, que sempre se caracterizou pola súa solidariedade e apoio aos que máis o precisan, secundará, sen dúbida algunha, esta iniciativa tan solidaria como necesaria.

Na apertura do acto producirase un dos momentos máis emotivos, cando unha muller afectada polo cancro de mama se encargará da lectura dun manifesto elaborado pola Asociación Española contra o Cancro e o Concello de Salceda de Caselas.

Loli Castiñeira, Concelleira de Sanidade: “Non temos ningunha dúbida de que a sociedade salcedense volverá ofrecer unha resposta positiva ante esta iniciativa. O Cancro está a ser unha enfermidade debastadora, pero cada vez máis a detección precoz e os avances en investigación están a conseguir uns resultados máis alentadores”.