Sinatura de Acta de Derradeiras Vontades en Salceda

DSC_8333

O Concello de Salceda de Caselas sumouse á celebración do acto “En Galego, Agora e Sempre”, que se leva celebrado xa en diversos municipios de toda Galicia da man da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. No caso de Salceda, o acto tivo lugar o pasado sábado 31 de maio no Cemiterio Parroquial de Santa María de Salceda. Así, este evento puxo o punto final ao mes das Letras Galegas, durante o cal se levaron a cabo diversas inicativas conmemorativas da data.

 

No acto estivo presente Carlos Varela, Fiscal Superior de Galiza , que actuou de notario para as 43 persoas que quixeron asinar a súa Acta de Derradeiras Vontades, na que deixaron expresa constancia do seu desexo de seren soterrados na nosa lingua, incorporando aos testamentos unha manda específica neste sentido para que os herdeiros a cumpran. Asistiron tamén Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, Carme Vaquero e Xosé González da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, así como o Alcalde e os Concelleiros pertencentes a Movemento Salceda. O acto concluiu coa descuberta dunha placa co texto “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, que quedou fixada no cemiterio parroquial.

En Galego, Agora e Sempre, pretende achegar o galego ao campo das defuncións e os soterramentos. Os datos neste aspecto son bastante desoladores.  Só o 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación están en galego, e unicamente unha de cada mil lápidas está escrita no noso idioma. Así pois, este acto busca unha maior presenza da lingua galega non só en esquelas e lápidas, senon nos ramos e coroas, nos recordatorios, nos funerais e en todo o que se refire ao momento do falecemento. No caso de Salceda estamos a falar dunha poboación maiormente galegofalante, chegando a unha porcentaxe en torno ao 90% nas diversas parroquias do municipio, que sen embargo non se ve reflexado nos cemiterios, lembrando en castelán a cantos en vida usaban o galego a diario. 

Teresa Pérez, Concelleira de Normalización Lingüística: “Vivimos nun Concello maiormente galegofalante, o cal non se ve reflexado logo nos cemiterios. Os que temos a sorte de vivir en galego deberíamos ser lembrados tamén na nosa lingua. Este é o noso granciño de area no camiño da total normalización do uso de galego”.

 

Gabinete de prensa, 31 de de maio de 2014