Situación: parroquia de A Picoña. Os montes de San Cibrán constitúen unha pequena serra con unha altitude máxima de 423 m. aproximadamente,que fan de fronteira no N.O. de Salceda de Caselas cos concellos de Ponteareas e O Porriño.
Os maiores atractivos naturais dos montes de San Cibrán son os afloramentos rochosos; formacións graníticas con singulares agrupacións, formas é tamaños.
A area recreativa de San Cibrán é visitada constantemente por afeccionados aos cabalos nos seus paseos; ademais por ela cruzan dúas rutas de sendeirismo, a ruta dos montes de San Cibrán (PR-G 132) e o sendeiro das Greas (GR 58).
O cruceiro que preside o alto de San Cibrán data do 1900, como reza unha placa onde se mencionan as parroquias que asistiron á bendición da Cruz. Outra mostra de patrimonio histórico da zona é a Capela, xa en terras Ponteareanas, onde se celebra unha misa o último domingo de maio e o 16 de setembro, día de San Cibrán. En homenaxe, as parroquias da Picoña e Guláns, celebran sendas romarías neses días.
Infraestruturas: Mesas, bancos e asadeiros, unha capela, unha cruz, un cruceiro e unha choza de madeira. A estrada asfaltada chega ata a área recreativa dende Guláns.
Vexetación: O escaseo de árbores autóctonas deste espazo, indica que é froito da repoboación, pois como especies principais atopamos o Eucalipto (Eucaliptus globulus) e o Piñeiro de California (Pinus radiata), acompañadas por algunha Acacia preta (Acacia melanoxylon), Piñeiro rubio (Pinus sylvestris) e o Plátano de sombra (Platanus hispanica), algún Carballo americano (Quercus rubra) e Carballo cabeludo (Quercus cerris) unha especie pouco habitual incluso nunha repoboación.
O solo é maioritariamente herboso ou mixto con musgos, a excepción dunha pequena zona monoespecífica de Eucaliptus no que é de terra. Nese chan medran pequenas flores como margaridas, os narcisos, acompañando as Carrouchas e algún Fento. Nas zonas terminais da área recreativa onde a vexetación é mais virxe atopamos mais abundancia de Xestas e Toxos.
Fauna: Lagarto ocelado (Lacerta lepida), Xavaril (Sus scrofa), Lagartixa ibérica (Podarcis hispanica), Gavián (Accipiter nisus), Raposo (Vulpes vulpes).