Salceda vístese de Entroido

Esta mañá ven de celebrarse a presentación do Entroido no Concello de Salceda de Caselas, coa presenza das Concelleiras de Cultura e Turismo, Tere Pérez e Loli Castiñeira, e representantes dos barrios de Castro Barreiro e A Feira. Máis de 1000 persoas desfilarán polas rúas de Salceda en cada un dos desfiles do venres 5 e o domingo 7. O venres día 5 será o turno dos centros escolares públicos do municipio. Así, cóntase coa participación da Escolas Infantil A Galiña Azul, o CRA Raíña Aragonta, o CEP Altamira e o IES Pedras Rubias, que como cada ano amosarán o seu enorme traballo e creatividade en nenos e nenas de idades entre os 0 e os 18 anos. Esta estase a converter nunha cita multitudinaria en Salceda, que ano tras ano ve as súas rúas ateigadas de xente para presenciar este variado desfile. A cita será o venres ás 11:00, e pasará polas rúas Rosalía de Castro, Ador, Joaquín Fernandez Sestelo, Praza do Concello, Rúa Pontevedra, Rúa Dr. Zunzunegui, Av. Victoriano Pérez Vidal, Rúa Rafael Tilve Adrio, Rúa Coruña e Parque Raíña Aragonta.

 

O domingo, día grande a nivel municipal, terá lugar o XVIII Desfile de Carrozas e Comparsas, de novo con máis de 1000 participantes repartidos en 11 agrupacións chegadas de Salceda, O Porriño, Tui, As Neves e Tomiño. As comparsas recibirán pola súa participación axudas que van dende os 100 ata os 700 €, en función do número de compoñentes de cada agrupación. Ademáis de participar no desfile, as agrupacións subiranse tamén ao escenario para recitar as súas coplas, que seguro tratarán dos temas de máis rabiosa actualidade. A Concellaría de Cultura afronta esta cita como unha das máis importantes do ano, xa que nos últimos anos ten congregado a milleiros de persoas presenciando o espectacular desfile. As diferentes agrupacións traballan arreo para ter todo listo para a cita, que sen dúbida volverá marcar páxina na historia do entroido da comarca.

 

A programación municipal complétase con actividades para os máis cativos durante o sábado, coa festa infantil que se celebrará a partires das 16:30 no Pavillón de Deportes. Ás 19:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar o concerto da Banda Cultural de Salceda que actuará xunto co trío músico-teatral Vaamonde, Lamas e Romero, e para o que xa se poden adquirir as entradas na Casa da Cultura Castelao. O domingo ás 12:30 será o turno do grupo de batucada “Os Espantarratos” da Feira, que desfilará polas rúas do casco urbano para rematar actuando na Praza do Concello. E pola noite, unha vez rematado o desfile de carrozas e comparsas e o concurso de coplas, chegará o turno da verbena, que nesta ocasión contará cos grupos Yucatán e Montreal.

 

O luns e o martes, o Concello cede o turno para o Entroido máis tradicional do municipio, o que ven enfrontando dende hai máis dun século aos barrios de A Feira e Castro Barreiro. Estes dous barrios traballan arreo dende hai meses, no máis absoluto segredo, para que non transcenda ninguna información ao barrio rival. Para iso, como confirmaron hoxe os representantes dos dous barrios, están implicados prácticamente tódolos veciños do barrio, que dun ou doutro xeito colaboran coa súa festa máis arraigada.

 

Castro Barreiro e A Feira competirán un ano máis por ter a mellor carroza, a mellor comparsa, o mellor son, a mellor verbena… e é que entre estes dous barrios todo, ata o máis mínimo detalle se converte en competencia.

 

Loli castiñeira, Concelleira de Turismo: “Salceda prepárase para acoller unha vez máis a milleiros de visitantes, que aproveitarán ademáis para disfrutar da nosa oferta turística e de ocio. Transmitimos unha vez a nosa noraboa aos veciños e veciñas de A Feira e Castro Barreiro por seguir a manter viva unha tradición centenaria, e por facelo cada vez con máis forza se cabe. Así mesmo, felicitamos ás agrupacións participantes no desfile do domingo, que sen dúbida están a acadar un nivel superior cada ano que pasa”.

 

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Estamos ante a nosa festa máis antiga e queremos seguir a ser referencia en todo o País. Queremos agradecer a enorme participación que teñen os nosos actos e o bo comportamento e competitividade que ano tras ano está a caracterizar a nosa programación”.