Salceda solicita por unanimidade á Xunta de Galicia a mellora do transporte público

Os tres partidos que conforman a corporación municipal de Salceda aprobaron por unanimidade, no pleno do pasado xoves 27 de outubro unha moción conxunta na que reclamaron á Xunta de Galicia, que revisara o contrato de explotación do transporte público, para acadar un mellores horarios que satisfagan as necesidades da veciñanza de Salceda. Dita moción tamén esixía que todas as modificacións nas liñas que afecten a Salceda sexan comunicadas pola empresa adxudicataria do transporte, en tempo e forma, para que non provoquen prexuízos ás persoas usuarias do transporte público.

Os últimos procesos de licitación non fixeron máis que empeorar a calidade do servizo reducindo frecuencias e eliminando liñas. A última empresa adxudicataria prestou dende os inicios un servizo deficitario e iso a pesar de que dende o concello se presentaron alegacións para a mellora do transporte aos centros de ensino que foron aceptadas. A reanudación do servizo despois da pandemia tampouco axudou a que mellorara a calidade do mesmo senón que aínda empeorou máis.

A realidade do Transporte en Salceda e que se conta tan so con cinco liñas de ida a Vigo pola maña e catro pola tarde e dúas de volta pola maña e cinco pola tarde. Nas fins de semana o servizo restrínxese e so están dispoñibles dúas liñas de ida e dúas de volta diarias, o que empobrece moito a oferta de transporte público dispoñible.

As portavocías dos tres partidos salientaron nas súas respectivas intervencións, a importancia de recoñecer as carencias do transporte no concello, a falla de calidade no servizo e a necesidade de reclamar de forma conxunta á Xunta de Galicia e a empresa adxudicataria melloras e solucións, co obxectivo de acadar un transporte público para Salceda que estea á altura das súas necesidades.

 

 

Gabinete de prensa, 04 de novembro de 2022