Salceda segue apostando pola formación dos seus veciños e veciñas

A Concellería de Emprego e Formación do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, ven de abrir os prazos de inscrición para o Plan de Formación Municipal para este segundo semestre do 2015. A intención da Concellería é que veciñas e veciños poidan acadar unha mellor formación, en distintas materias, que lles facilite a inserción no mercado laboral.
En total serán oito accións formativas que se desenvolvan ao abeiro deste programa. Dúas delas, o curso de Preparación das probas da ESO e competencias clave e o curso de Manipulador de Alimentos, rematan o prazo de inscrición o día 25 de setembro e non precisan a realización de proba de selección previa.
Os outros seis cursos, polas súas propias características, precisarán da realización de probas de selección. Para iso os interesados e interesadas deberán, na data indicada, presentar a solicitude no CDL O Torrón e realizar a proba de selección no mesmo momento.
Ditos cursos son os de Office (inscrición e proba de selección o 29 de setembro ás 10:00 horas); Tanatopraxia, (inscrición e proba de selección o 30 de setembro ás 10:00 horas); Carretilleiro (inscrición e proba de selección o 1 de outubro ás 10:00 horas); Aplicador de produtos fitosanitarios (inscrición e proba de selección o 2 de outubro ás 10:00 horas); Implantación de xardíns (inscrición e proba de selección o 5 de outubro ás 10:00 horas) e, por último Plataformas e Redes Sociais para procura de emprego (inscrición e proba de selección o 6 de outubro ás 10:00 horas).
Todas as datas de realización das probas e o programa formativo de cada un dos cursos, pódese consultar no CDL.
Os requisitos para participar, comúns a todos os cursos, serán estar en situación de desemprego, que se acreditará coa presentación da vida laboral no momento de presentar a solicitude, e estar dado de alta na Bolsa de Emprego Municipal con data anterior á solicitude do curso.
A concelleira de Formación e Emprego, Loli Castiñeira, salientaba a importancia destes cursos xa que, afirmou, “nun mercado laboral cada día máis competitivo, e imprescindible contar coa mellor formación posible para poder optar, con certas garantías, a un posto de traballo”. Nese sentido, asegurou a responsable de Emprego do Concello de Salceda “o goberno local seguirá apostando pola formación como ferramenta básica para a inserción dos nosos veciños e veciñas no mercado de traballo”.