O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor para este ano 2023, sendo dos poucos Concellos que conta con tres flores de honra. Vilas en Flor recoñece deste xeito o traballo continuo que ven desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna. O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no Auditorio de Goián, no Concello de Tomiño.
No pasado mes de outubro, o xurado visitou o noso municipio acompañado por Marcos Troncoso, Concelleiro de Turismo, e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda. O xurado, formado por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería, o paisaxismo e o turismo, valorou moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos polo Concello de Salceda, en aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado.
Logo da recepción da distinción, o Equipo de Goberno de Salceda quixo recoñecer e agradecer o traballo dos distintos departamentos municipais e empresas de mantemento que fan posible que o noso Concello sexa xa un referente. Dende o persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. Ademais fíxose extensible este agradecemento ao persoal técnico de urbanismo, clave para o bo desenvolvemento urbano e rural de Salceda.
O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá. “Vilas en Flor” é un certame impulsado pola Fundación Juana de Vega e que este ano celebrou a súa sexta edición, coa participación de trinta e oito concellos galegos. Na súa organización, participan tamén a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e o patrocinio de diferentes entidades privadas.
Este proxecto persigue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, contribuíndo así ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento das visitas turísticas.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Turismo, amosou a súa satisfacción pola renovación das tres flores de honra para Salceda, recoñecemento que poucos Concellos acadan, e que dá boa mostra do traballo realizado nos últimos anos na posta en valor dos espazos verdes e a creación de novas áreas de lecer e esparcemento, sempre dende o punto de vista da sostenibilidade ecolóxica.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo dos diferentes colectivos implicados na conservación da vila: “este é un recoñecemento ao voso traballo e adicación, e ao voso cariño por Salceda. Entre todos e todas seguimos a construír un Concello mellor para as persoas e do que cada día estamos máis orgullosas”.
Gabinete de prensa, 5 de decembro de 2023