Salceda regula a participación veciñal

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas, cos votos a favor dos grupos de goberno (MS e PSOE) e a abstención do PP, ven de aprobar inicialmente o que será o primeiro regulamento de participación cidadá do Concello de Salceda.
O regulamento contará con un prazo de exposición pública de 30 días dende a súa publicación no BOP, nos que asociacións, entidades, colectivos ou persoas a título individual poderán achegar as súas propostas e suxestións a modo de alegacións. Unha vez sexa aprobado definitivamente abrirase un prazo de 3 meses para que as asociacións actualicen a súa documentación no rexistro municipal de asociacións e soliciten a participación no Consello Veciñal.
No documento regúlase o rexistro de asociacións municipal e a participación veciñal nas decisións do Concello, e ten como eixo fundamental a creación do Consello Veciñal, que canalizará a participación cidadá.
O mencionado regulamento é un dos compromisos do acordo entre os dous partidos do equipo de goberno. Ámbolos dous grupos defenden a participación cidadá como un dos puntos fundamentais da política local, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.
O equipo de goberno agradeceu a laboura que os colectivos sociais, culturais, deportivos e veciñais desenvolven ao longo de todo o ano en Salceda, e que, en palabras de Loli Castiñeira, “contribúen a que Salceda de Caselas sexa referente ao longo de toda a comarca polo enorme dinamismo social existente, con multitude de eventos organizados tanto polo Concello como polas diferentes asociacións”.
Verónica Tourón, Concelleira de Participación Cidadá, considera necesaria a existencia de vías “para a intervención directa da veciñanza na construción do noso futuro como pobo, do contrario moitas posibilidades de mellora poden ser estragadas. Un concello aberto e democrático debe impulsar a acción da cidadanía para acadar unha convivencia plena de dereitos”.

Gabinete de prensa, 1 de marzo de 2020